«Cando chegas a Chamorro, non estás nun lugar calquera»

R. Loureiro FERROL

FERROL CIUDAD

JOSE PARDO

O santuario de Nosa Señora do Nordés acolle hoxe a tradicional romaría do Luns de Pascoa

02 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Como párroco de Serantes, José Rey Kochinke é, desde hai catro anos, o sacerdote que se ocupa do santuario da Virxe de Chamorro. Un santuario ao que hoxe, coma cada Luns de Pascoa, se achegarán miles de romeiros para renderlle tributo a Nosa Señora do Nordés.

-A devoción á Virxe de Chamorro segue plenamente viva.

-Por suposto. A Virxe de Chamorro ten moitos devotos en toda Galicia. E iso non só se percibe o día da romaría, senón durante todo o ano. A Chamorro sempre vén xente, incluso cando a capela está pechada. Os devotos da Virxe veñen ata aquí, e rézanlle para pedirlle axuda en calquera circunstancia, ou para darlle as grazas polo que sexa. E moitos veñen camiñando, como se fai tamén o día da romaría.

-Unha romaría na que, un ano máis, haberá catro misas.

-Si, temos misas toda a mañá: ás dez, ás once, ás doce e á unha. A da unha é a misa solemne, a da procesión.

-O tempo meteorolóxico será determinante, coma sempre...

-Claro. Se o tempo non acompaña, a xente que virá será moita menos, iso sempre é así. Pero tamén hai que dicir que a Chamorro vén moitísima xente, chova ou non chova. Hai xente que non falta nunca. E non só da comarca de Ferrolterra. Hai outros lugares dos que veñen moitisimos romeiros. Por exemplo, da zona de Vigo e da provincia de Lugo. A capela de Nosa Señora do Nordés está nun lugar moi especial, e iso tamén se nota.

-Un lugar que conserva, incluso, vestixios da prehistoria galega.

-Si, e que ademais ten un gran valor paisaxístico. Iso fai que moitos dos romeiros que veñen ata aquí se queden despois a pasar o día, coas tradicionais merendas, se o tempo acompaña. Tamén o templo ten unha gran importancia tanto desde o punto de vista histórico como desde o punto de vista artístico. E aínda que non está conectado á rede eléctrica, en días coma o da romería contamos con subministro de electricidade gracias a un xenerador, o que tamén permite que a xente poida ver o interior da capela doutra maneira.

-Subir ao alto de Chamorro, camiñando, sempre é duro. Por calquera dos dous camiños.

-Si. É duro, incluso, subir polo que está asfaltado. E polo outro, polo que vén a través do monte, qué é o que empeza ao pé da igrexa de Serantes, xa non digamos. Pero para as persoas que non poden subir camiñando teremos, coma sempre, un servizo de microbús, que chega case ao pé da capela. En calquera caso, é certo que a costa de Chamorro é unha costa dura, como sempre se di en Ferrol, pero nela hai tamén algo fondamente simbólico, e de gran valor espiritual: cando subes esa costa, e chegas a Chamorro, no estás nun lugar calquera.