Escándalo

Eva M. Martínez O BAÚL

FERROL CIUDAD

09 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicía Torrente Ballester que «Ferrol é unha cidade lóxica nunha terra máxica». E non lle faltaba razón ao insigne escritor, aínda que habería que engadir que maxia é a que teñen ou temos que facer os que viaxamos por pracer ou necesidade para chegar ou saír da urbe.

Esta vez non me vou a referir ao tren, ese medio de transporte que en Ferrolterra se converteu nunha peza de museo case inútil. Esta vez referireime ao medio ao que temos que recorrer como alternativa, o coche. E aquí vén o que creo que non esaxero se cualifico como escándalo.

Ao xa considerable prezo do combustible, súmase o da autoestrada. A AP-9 é a vía que vertebra Galicia, que une o norte e o sur/Portugal e que conecta coa Meseta; por tanto, que a eterna concesionaria decidise subir as tarifas o dobre que no resto de España e mesmo que ao incremento de xaneiro sigan ata tres máis para pagar obras -que, por certo, nada teñen que ver con esta zona- e a eliminación da peaxe Vigo-Redondela soa a tomadura de pelo.

O traxecto Ferrol-Tui supón, só á ida, 20,40 euros e, por exemplo, viaxar a Santiago os días laborables custa ao mes uns 600 euros, máis da metade só de autoestrada. E, que bonificacións ofrece a concesionaria? Pois un aforro ridículo do 25 % para o mesmo traxecto/día laborable. Vamos, 2,18 euros dun total de 17,4 que supón a peaxe entre Ferrol e Santiago. Nin eliminación de peaxes, nin descontos por viaxes frecuentes nin nada de nada. Aquí estamos, nesta terra esperando a poder facer maxia e viaxar de forma adecuada, moderna e alcanzable porque, desde logo, o que nos ofrecen, non entra na lóxica.