«Son o alcalde que menos viaxou dos últimos cinco ou seis»

A. VELLÓN FERROL

FERROL CIUDAD

Pilar Canicoba

Suárez só volvería a presentarse «se Ferrol en Común non perde a súa esencia»

14 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Suárez admite a dificultade de gobernar con só sete edís, unha minoría asfixiante.

-¿Como se pode facer con só sete edís de vinte e cinco?

-No meu caso eu teño un posto de traballo acomodado, unha vida tranquila, unha familia, e podería estar tranquilamente na casa e sen estas preocupacións... O que nos move a estar aquí é a ilusión, a convicción nuns valores e que a través deles se pode cambiar a cidade para mellor.

-¿Pero sáelle ao goberno a aritmética para cumprir o seu programa político?

-Para os grandes investimentos, este é o ano. Se este ano non se acadan eses grandes investimentos que veñen reflectidos no programa electoral -praza de Armas, pasarela de Santa Mariña, outros proxectos no rural...- entón teremos que rendir contas á cidadanía de que o programa electoral non foi cumprido. Estamos ante un momento clave, que vai vinculado dende logo ó orzamento, que vai ser a pedra de toque para saber se poderemos saír daquí coa cabeza alta.

-As inestabilidades nas Mareas, nos círculos de Podemos... ¿Como repercute todo iso no alcalde?

-En maio do 2015 as portadas foron de cambio histórico en Ferrol, Santiago e A Coruña. E para nós abriuse un impulso que pensamos que ía ser definitivo. Un cambio a nivel de Estado... E logo pechouse un pouco a xanela logo das eleccións autonómicas e estatais. Nós estamos agora bastante illados, porque agardábamos un cambio na Xunta e no Estado. Ese cambio non se produciu e eses tres concellos quedamos como pequenas trincheiras de resistencia. Todo o noso programa de remunicipalización contaba cun cambio a nivel de Estado porque senón é inviable co marco lexislativo actual. E ese cambio a nivel Xunta e Estado non se produciu. E logo os alcaldes de Ferrol, A Coruña e Santiago, tivemos no seu momento a responsabilidade de impulsar En Marea. E logo hai unha cuestión á que nós temos a manía de darlle toda a transparencia do mundo... Que eu non concordo moito.. Falamos demasiado do interno en lugar de centrarnos nos problemas da xente.

-¿Por que non se están a remunicipalizar os servizos?

-Primeiro, hai un marco lexislativo estatal que é moi restrictivo. No Concello a remunicipalización que se deu foi a do servizo do socorrismo, que parece unha cuestión menor, pero son 300.000 euros. Pero hoxe pensar que coa nosa minoría nas sesións plenarias, co marco lexislativo, centrarse en remunicipalizar algo tan complexo como o servizo de lixo é moi complicado.

-¿Prometería hoxe o que prometeu sobre a remunicipalización e a taxa do saneamento?

-Si. No tema da taxa, aclarar que eu nunca dixen que non ía a haber taxa. No final de mandato vai haber una taxa axustada ao custo real do servizo. Con respecto á remunicipalización, para remunicipalizar un servizo e afrontalo seriamente non chegan catro anos dun mandato para servizos tan importantes e costosos como lixo, auga, etc.

-¿Volverá presentarse a alcalde?

-Non o teño decidido. Ademais, non serei eu quen o decida, senón a asamblea de Ferrol en Común (FeC).

-Poñamos que a asamblea decide que vostede sexa o candidato e acepta. ¿As pezas de Ferrol en Común serían as mesmas?

-Se a asamblea decidira iso eu só me presentaría se FeC non perde a súa esencia. FeC, aínda que integrara dentro del diferentes sensibilidades, é unha asamblea de xentes que cando están participando o fan como integrantes de Ferrol en Común, sen adscripción e nin como coalición de partidos, baixo eses parámetros eu presentaríame. Se FeC se convirte noutra cousa que non é o que era en 2015 non me presentaría. E se houbese outra lista paralela con organizacións políticas que se presentase contra Ferrol en Común tampouco.

-¿Pactaría de novo co PSOE con Beatriz Sestayo á fronte?

-Non. A experiencia do tempo que durou o pacto de goberno non foi positiva para a cidade.

-¿E co BNG de Iván Rivas?

-Si. Eu creo que Iván é un político que foi crecendo cos anos. Eu a Iván o respecto moito como político e tamén como persoa.

-Pero o BNG é un látigo...

-Iván Rivas en particular ten unhas conviccións moi firmes, moi ríxidas, pero é un dos políticos de maior altura da corporación. E aquí quero lembrar que o grupo municipal popular cando non logrou investir alcalde a José Manuel Rey, deulle unha patada para arriba a el e a Diego Calvo, e o grupo do PP resentiuse.

-¿Que lle diría aos que lle chaman o ‘alcalde viaxeiro’?

-Pois que é unha bobada. Paréceme absurdo na política actual de grupo municipal popular. Son o alcalde que menos viaxou dos últimos cinco ou seis alcaldes e todas as miñas viaxes, dende logo, son de traballo, para sacar fondos ou ideas para a cidade. E que se critique que o alcalde de Ferrol vaia a Glasgow onde están representantes de toda a UE a expoñer o proxecto de recuperación do noso patrimonio industrial paréceme surrealista.

-Defina a Martina Aneiros (PP)

-Traballadora e leal ao seu partido.

-¿Beatriz Sestayo (PSOE)?

-Creo que ten intereses espúreos.

-¿Iván Rivas (BNG)?

-Coherente e inflexible

-¿Masafret (Ciudadanos)?

-Moita calidade humana e leal.

-¿Jorge Suárez?

-(Risas) Bueno, eu sempre intento ser humilde e honesto. Pero non sei se o consigo.