Escusas

Eva M. Montero O BAÚL

FERROL CIUDAD

12 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando parecía que xa se escoitara de todo sobre o maltrato que levan sufrindo as comunicacións en Ferrolterra, dunha forma especialmente grave o ferrocarril, aparecen varios responsables do Ministerio de Fomento e achacan a un suposto rexeitamento social a inacción total do Goberno na mellora da liña entre a cidade naval e a herculina.

Xustificar, alegando falta de consenso, o que foi un constante castigo a esta zona, que se quedou sen alta velocidade e que arrastra os problemas xerados de ter unha liña ferroviaria centenaria que por falta de actuacións de mellora e modernización se converteu case en peza de museo, é unha tomadura de pelo á sociedade, neste caso, ferrolá, que nas últimas décadas foi obxecto de diferentes e constantes decisións políticas contrarias aos seus intereses e necesidades.

Tampouco é de recibo confundir a presentación de alegacións ou a protesta de diferentes sectores ante pretendidos trazados ou actuacións concretas (o que, doutra banda, non deixa de ser habitual en calquera obra de calado) co rexeitamento social, agás que se pretenda confundir acusando da falta de investimentos nesta materia a un pobo que asiste farto a un desmantelamento progresivo.

Así que espero que os señores responsables do Ministerio recapaciten sobre as súas declaracións e rectifiquen non só de palabra, senón con feitos en forma de investimentos e decisións políticas acertadas, que é o que necesita Ferrol. Seguro que se se dota á cidade de alta velocidade, intermodalidade, bos horarios e conexións, as liñas terán usuarios e, por tanto, serán rendibles. O demais, escusas de mal pagador.