Rivas Pol: «A arquitectura popular é un dos grandes patrimonios do noso país»

«Nas miñas acuarelas sempre está a luz que vin desde que era neno», di o pintor


Ferrol / la voz

Antonio Rivas Pol (Xudán, A Pontenova, 1948), artista de longa traxectoria que acaba de expoñer na sala de Diputación Provincial de Lugo, está a abrir un camiño novo, que incluso para el era completamente insospeitado, no mundo da acuarela. A súa dedicación ás paisaxes de Galicia do Norte, da que extende desde a desembocadura de ríos coma o Belelle e o Xuvia ata a do Eo, fai que cada vez sexan máis os lugares nos que lle piden que reflicta, cos seus pinceis, a arquitectura popular dunhas terras que teñen as súas capitais en Ferrol e en Mondoñedo e o seu corazón espiritual na Terra Chá de Lugo. Afincado en Seselle, no municipio de Ares, Rivas Pol foi, na súa xuventude, alumno do seminario mindoniense, e despois, como mestre, exerceu a docencia tanto en Asturias como en Galicia, ata a súa xubilación no colexio de Canido, en Ferrol.

-Di vostede que a acuarela, como a fotografía, tamén leva consigo un determinado xeito de mirar o mundo...

-Así é. Porque pintar acuarela tamén require contemplar o que tes diante de ti dunha maneira moi especial. Hai que ter un pulso moi atinado, moito oficio. E traballar con precisión, con rapidez, aproveitando a luz para perpetuala. Algo que facía dun xeito marabilloso Turner. Tes que pintar sabendo que non hai volta atrás, e que estás a utilizar unha técnica na que hai pouco lugar para os erros. Pintando acuarela sabes que non podes equivocarte.

-¿Pintar tamén é dar testemuño do propio tempo?

-Por suposto. O pintor sempre está revelando na súa obra, dun xeito ou doutro, cal foi a época na que lle tocou vivir. Non é un fotógrafo, nin traballa coma se o fose, pero tamén está tratando de que o instante no que pinta permaneza para sempre ante os ollos de outros.

-¿De onde vén a súa paixón pola arquitectura popular?

-A arquitectura popular é un dos grandes patrimonios do noso país. É unha arquitectura que humaniza a paisaxe. A min intenterésanme moitísimo as casas tradicionais dos lugares nos que medrei e nos que vivín. Pero, a estas alturas, xa case me interesa máis a arquitectura máis adxectiva, a que rodea esas casas: desde os hórreos ata os pombais. E estou sorprendido vendo a cantidade de xente que me chama dun sitio e doutro para falarme desas construcións e para dicirme se non me gustaría pintalas. É moi fermoso para min, porque vexo que cada vez se lle quere máis a esa arquitectura.

-¿As súas raíces inflúen, dalgún xeito, na súa maneira de pintar?

-As miñas raíces rurais inflúen en min, como persoa, e na miña obra como pintor, dun xeito determinante. Eu son unha persoa que non procede do mundo urbano, senón todo o contrario. E nas miñas acuarelas sempre está, dalgunha maneira, a luz que vin desde neno. Un creador tamén é fillo da súa terra e do seupropio tempo, e iso determina o seu labor como artista.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos

Rivas Pol: «A arquitectura popular é un dos grandes patrimonios do noso país»