«Pásanos como ao Dépor, un ano estamos ben e outro apretados»

maría meizoso AS PONTES / LA VOZ

FERROL CIUDAD

JOSE PARDO

Aos seus 82 anos, Jaime Vilaboy continúa ao fronte da agrupación que fundou hai tres décadas

20 dic 2017 . Actualizado a las 11:54 h.

É o presidente da Banda de Música de As Pontes «de García Rodríguez», desde a súa fundación, hai 30 anos. «Cando viaxamos por fóra, enorgulléceme escoitar o nome completo do noso pobo. A xente agora vai afeita a dicir só As Pontes». Pero non só se lle enche a boca ao falar da agrupación, tamén de ser e vivir nun pobo «que está moi ben organizado e que está mellorando moito. É un gran lugar para vivir».

-Impulsou a banda, que aínda preside, sendo alcalde. ¿Como xurdiu?

-Sempre fun afeccionado ás bandas e á música en xeral. Ata ese momento houbera dúas orquestras, Puentes e Mallorca, pero nada máis. Varios dos seus compoñentes foron tamén integrantes da nova agrupación. Pero non só procedían de aí senón que tamén viñeron músicos doutros municipios como o de Ortigueira. Daquela arrincamos con músicos veteranos e, posteriormente, foi cando se foron creando outros proxectos como o do conservatorio

-En tres décadas pasarían por moitas etapas. ¿Cales lembra con maior agarimo?

-Empezamos con pouca xente, pero fomos crecendo. Lembro especialmente a etapa na que tiñamos como director ao valenciano Juan Bernat, que tamén estaba no conservatorio. Foi polo ano 2000. El estivo aquí máis dunha década e para min foi un dos mellores momentos que tivemos. O das bandas e como o dos equipos de fútbol porque un ano están ben e para o outro descenden. Algo así como o que lle pasa ao Deportivo, que un ano está ben e para o seguinte está apretado. Así tamén nos pasa a nós. Ademais, un dos mellores recordos que teño foi cando recuperamos o himno de As Pontes.

-E agora, ¿en que momento están?

-Temos unha banda non moi grande, pero podemos presumir da nosa escola de música que ten máis de 60 alumnos e seis profesores, que tamén son compoñentes da banda. Neste momento estamos baixos de trombos e precisaríamos outra tuba máis, pero botamos mans dos amigos e solucionamos sempre que temos compromiso. En As Pontes hai moita afección á música e iso nótase.

-¿Botou a conta de canta xente pasaría pola escola?

-Pasou moitísima xente, non levei conta diso, así que non podo dicir un número, pero houbo momentos nos que eramos máis de medio centenar só na banda e a iso hai que sumar a xente da escola. Agora andamos nos trinta e pico. Hai variación dependendo do momento. Cando hai actos importantes sumamos a máis xente.

-E vostede, ademais de presidir, ¿que toca?

-Eu non toco nada, tócolles aos instrumentos, pero nada máis. Eu tiña que traballar, non podía atender a todo. Gustábame a música, pero a clases non podía ir. Sempre participei en todo o que tivo que ver coa música porque é unha vida moi sacrificada, pero moi bonita.

-¿Nunca tivo gañas?

-Si, pero xa teño os meus anos e pensei que era mellor seguir dedicando o meu tempo a organizar todo isto, para que a banda non perda ritmo. Recoñezo que sempre me chamou a atención o óboe e o fagot. De feito tratei de que a miña neta tirara por iso, pero ao final nada.

-Leva case media vida vinculado á banda. ¿Pensou en dar un paso atrás?

-Teño ganas de deixar todo, pero será no momento no que haxa unha persoa para o relevo. Hai que estar sempre dispoñible, á orde do que digan alumnos e profesores, así que aquí seguirei mentres o corpo aguante ou ata que me boten.

-Acaban de celebrar os actos de Santa Icía, patroa dos músicos. ¿Cal é o seu momento favorito do ano?

-Sen dúbida o das procesións e os concertos das festas do Carme. Son moi especiais.