Javier Rodríguez Fariñas: «A gaita tócase dunha maneira distinta en cada lugar de Galicia»

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Ramón Loureiro

Raparigos, a histórica formación á que el pertence, vai publicar un novo disco

19 dic 2017 . Actualizado a las 01:04 h.

Javier Rodríguez Fariñas (Ferrol, 1959) é unha das columnas sobre as que se asenta ese grupo mítico da música tradicional galega que é Raparigos. Unha formación que, por certo, o ano que vén cumpre 50 anos de historia, cousa que vai celebrar coa publicación dun disco que é, ao mesmo tempo, un libro. Alumno do lendario Constantino Bellón, Javier pasou por diferentes formacións musicais, e en Raparigos leva, exactamente, corenta anos. Médico de profesión, o seu permanente compromiso coa música tradicional galega camiña polos mesmos sendeiros polos que transitou o recordado Tonecho Varela e polos que hoxe segue a andar Xan Rodríguez Silvar (integrantes ambos os dous de Raparigos, tamén). Javier Rodríguez Fariñas é un firme defensor da alma da música do país, de todo canto a través da arte permite entender a viaxe dun pobo enteiro a través da historia. Ou, por dicilo doutro xeito, é un auténtico devoto do que realmente merece ser transmitido de xeración en xeración: do verdadeiramente esencial.

-Nas últimas décadas, o mundo da gaita en Galicia cambiou por completo...

-Transformouse moi profundamente, si. O paradigma cambiou. Hoxe, as grandes estrelas da gaita galega, como Carlos Núñez, Cristina Pato ou Budiño, actúan diante de miles e miles de persoas, ás veces co acompañamento de grandes orquestras, e iso era inimaxinable cando empezamos a tocar nós. Ademais, e salvando unhas poucas excepcións, ata hai relativamente pouco tempo o gaiteiro en Galicia era alguén que tiña, sempre, outra profesión para vivir. Que traballaba no que fose e que despois, cando cadraba, ía tocar por aí. Houbo excepcións, como digo, pero moi poucas...

-Excepcións coma a do gaiteiro de Soutelo de Montes...

-Si, claro. Pero o caso de Avelino Cachafeiro foi absolutamente excepcional. É certo que xa foi tocar a América, aínda que tamén hai que ter en conta que esas xiras que el facía ao outro lado do Atlántico tiñan que ver moito coa presenza alí das xentes da emigración. Pero a min, máis que iso, o que de verdade me chama a atención é que el lograse actuar nos grandes escenarios de Madrid, coma o Teatro Real. Incluso diante de Alfonso XIII. Iso da idea do seu prestixio

-¿E Constantino Bellón, como era?

-Era unha gran persoa, ademais dun mestre moi esixente. E sempre ía a onde o chamaban. Onde alguén o necesitaba, alí estaba el.

-E o concurso de gaitas que levaba o seu nome... xa non existe.

-Non, por desgraza é así. E a min paréceme que é moi triste que Ferrol deixase desaparecer o Premio Constatino Bellón.

-¿Que legado deixaron os vellos gaiteiros, de nome tantas veces esquecido, que tocaron por toda Galicia?

-Un legado inmenso, que nos lembra, por exemplo, que a gaita tócase dunha maneira distinta en cada lugar de Galicia.