Pacto por Ferrol

Eva M. Montero O BAÚL

FERROL CIUDAD

15 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

2019. Dispoñemos de menos de dous anos para conseguir un obxectivo cuxo traballo previo levou case dezasete: que a UNESCO declare Patrimonio Mundial a Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración. Neste tempo, corporacións de todas as cores traballaron, con maior ou menor intensidade e acerto, nun expediente que o actual goberno local concluíu encargando a unha empresa de acreditada solvencia a elaboración do plan de xestión.

Rematada a parte técnica, comeza a política, para a cal dispoñemos de moito menos tempo se queremos lograr o obxectivo en prazo. Nestes meses non só temos que crer nas nosas posibilidades de que a que é un exemplo perfecto e único de porto e cidade ilustrada se sitúe no cume mundial dos bens patrimoniais. Ademais, é necesario que as institucións implicadas camiñen da man para obter un recoñecemento que non só suporía para Ferrol unha necesaria inxección de optimismo, senón que axudaría notablemente á súa recuperación.

Neste contexto, o Concello debe liderar esta fase, levando a cabo as xestións necesarias tanto coas institucións implicadas na candidatura -Armada, Concellos de Ares e Mugardos ou Autoridade Portuaria- como coas que teñen que tomar as decisións políticas -sobre todo, Xunta e Goberno central-. Por iso, a unión de todos os grupos políticos e das corporacións que viviron este proceso, cos seus respectivos alcaldes á cabeza, resulta fundamental para que a nosa candidatura chegue coas máximas garantías á UNESCO. E que mellor que un Pacto por Ferrol nunha mesa de alcaldes na que se escenifique esa unanimidade que a cidade precisa. O obxectivo merece a pena.