Se hai un barrio que destaca no que a iniciativas veciñais se refire, é, sen dúbida, o de Canido. Persoas activas, creativas e implicadas coincidiron no mesmo espazo para convertelo nun referente e nun lugar cada vez máis atractivo para vivir. Así, nos últimos anos o número de familias que fixaron a súa residencia en Canido incrementouse e o mesmo ocorre co número de negocios establecidos no barrio.
Pero esta vida que se percibe nunhas rúas repletas de xente para gozar das Meninas, locais de hostalería e das moitas actividades promovidas polas entidades do barrio, contrasta cunha mala noticia, polo menos para as e os que gozamos do fútbol sala cun dos históricos locais. Esta tempada, e creo que por primeira vez en moitas décadas, a SRD Canido non presentou equipo ningún ás competicións de base ferrolás.
E a razón non é outra que a falta de nenos e nenas para formar equipos. Como é posible nun barrio tan dinámico? Porque os clubes modestos e as sociedades de «toda a vida» contan con persoas dedicadas arreo desde a súa mocidade a estas entidades, pero na actualidade carecen de substitucións, medios técnicos e mesmo económicos que si teñen os «grandes» para atraer aos rapaces e fichalos. Por iso fago un chamamento a federacións e administracións para facilitar o traballo a estas entidades, poñendo á súa disposición o persoal necesario ou articulando medidas tan sinxelas como páxinas web ou xestión de redes sociais, para poder chegar ás bases e que estes clubes clave para manter o fútbol sala activo e en primeira liña en Ferrol poidan seguir desenvolvendo a súa actividade. Opa Canido!