Carlos Gómez: «En Ferrol hai moitas familias que viven en condicións dramáticas»

Advirte de que, entre os máis desfavorecidos, «a pobreza non retrocede»


Ferrol / la voz

Carlos Gómez (Neda, 1972), doutor en Psicoloxía (é máster en Psicoloxía Clínica e en Psicoloxía Forense), ademais de diplomado en Ciencias da Educación e profesor do Instituto Teolóxico Compostelán, centro pertencente á Universidade Pontificia de Salamanca. Pero, por riba de calquera outra cousa, é sacerdote: párroco da igrexa ferrolá de Nosa Señora do Carme. E tamén un profundo coñecedor, polo intenso labor social que se leva a cabo desde a súa parroquia, da situación na que se encontran moitos colectivos desfavorecidos da cidade de Ferrol.

-¿Verdadeiramente estamos saíndo da crise, ou segue habendo sectores da poboación que teñen graves problemas para subsistir?

-Os datos demostran que non estamos mellor que hai catro anos. Só na parroquia do Carme atendemos a 28 familias que non son capaces de subsistir por si mesmas. E coñecemos moi ben a súa realidade. Son xente que en moitos casos ten nenos. Familias que reciben a mínima axuda das administracións públicas ou que a miúdo nin sequera teñen axudas dese tipo. En Ferrol hai moitas familias que viven en condicións dramáticas.

-¿Entón, a pobreza non retrocede?

-Non, a pobreza non retrocede. Algunhas familias que están en situación de pobreza ás veces acceden ao mundo laboral, pero enseguida aparecen outras que se quedaron sen ingresos, ou nas que só poden atopar traballo por moi pouco tempo, e un traballo moi mal retribuído. A día de hoxe, a pobreza non vai a menos.

-A solidariedade segue sendo imprescindible.

-Por suposto. A solidariedade é imprescindible. Nós nos poderiamos estar levando a cabo o labor que facemos en Cáritas Parroquial sen o apoio de xente como Noemí, Fina, Javier e toda a xente que colabora coa parroquia. Tampouco, por suposto, sen o apoio constante de Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol. E hai que dicir tamén que temos un grupo de persoas que durante todo o ano fan labores de costura, un traballo de moita calidade e moi especializado, a beneficio de Cáritas da nosa parroquia. E ademais facemos cousas coma o noso Rastrillo Solidario e as campañas de recollida de alimentos ou os concertos benéficos, nos que este Nadal, o día 30 de decembro, teremos á Escolanía da Catedral de Santiago. Traballamos todo o ano. Loitar contra a pobreza é algo que require un labor constante.

-¿A Igrexa ten que ter hoxe, máis que nunca, un compromiso prioritario cos que sofren?

-Si, claro. E cando falamos de Igrexa falamos de todos os bautizados. Iso forma parte constitutiva do ser da Igrexa. Pero ademais hai que facelo con eficacia e con eficiencia. Á hora de canalizar a axuda hai que procurar ser o máis eficaces posible. E gustaríame que as Administracións públicas non se despegasen da verdadeira realidade das familias.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos

Carlos Gómez: «En Ferrol hai moitas familias que viven en condicións dramáticas»