Porto de futuro

Eva M. Montero O BAÚL

FERROL CIUDAD

20 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Moito se ten falado do que facer co porto exterior, que cumpre dez anos de funcionamento. Con instalacións moito máis mimadas polas administracións que as de Ferrol (Langosteira ou O

Musel), sen as necesarias comunicacións (unha estrada con certas deficiencias e un ferrocarril que se atrasou de forma inxustificada) e con dificultades pola propia construción da dársena (que complica a descarga de colectores), debemos apostar polo que temos: unha magnífica e estratéxica situación xeográfica, gran calado e uns tráficos consolidados. Así o amosan os datos de xaneiro a xullo, que constatan un crecemento en toneladas do 10,36%.

Partindo desta premisa, pódese traballar nunha dobre dirección co obxectivo de que Caneliñas se consolide como un dos motores económicos da Ferrol: trasladar as mercadorías do Ladreda -o ideal sería deixar só os cruceiros e, o máis urxente, levar ao exterior a chatarra, aínda que semella non ser viable economicamente-, diversificar os tráficos e incrementar o de colectores, tarefa na que está a traballar arreo Yilport (FCT). E é aquí onde temos que apostar forte. Como? Converténdonos nun grande intercambiador mundial de rutas, das verticais e horizontais.

Este obxectivo non só é posible, senón necesario se queremos dar un impulso ao noso porto exterior. E, unha vez conseguido -ou en paralelo-, por que non ir máis aló? Por que non aspirar a unha zona franca, plataforma loxística das instalacións portuarias? Ferrol necesita con urxencia investimentos que revertan na cidade con emprego, actividade e poboación. E temos en Caneliñas un diamante en bruto. Urxe pulilo.