Arde Galicia

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL CIUDAD

18 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Outra volta nas mesmas e aí seguimos. Para que arda o monte necesitamos dúas cousas: o incendiario e máis o material combustible do monte. Ao incendiario non é doado pillalo. Conta coa «omertá» dos veciños. Xa coñecen o pano. Non se denuncia por moitos motivos e parece que o monte non é de ninguén. Non importa que arda. E arde o monte porque non está limpo e non damos feito leis que obriguen. A distancia dos eucaliptos ás casas reducírona de 75 metros a cincoenta. A distancia dos eucaliptos coas cunetas das estradas practicamente non existe. Plantan mesmo ao rentiño.

Moitas estradas son un túnel de vinte, trinta metros de altura. Unha trampa mortal. O monte está cheo de toxos, silvas e outros matos. O que non se come medra como quere. Non hai lei que esixa limpar alomenos vinte metros de monte separados das pistas e estradas.

Se o propietario non limpa sempre quedaría a posibilidade de que a Xunta o fixera e despois cobrara o traballo. Ou executara a expropiación deses montes como emerxencia de seguridade.

O pirómano é asunto da policía e garda civil. Aí teñen traballo e non cativo. As leis de protección do monte, o control das talas é asunto político e aí quero ver ao noso presidente Feijoo.

Non quero criticar. Quero colaborar. Este é o momento dunha lei pragmática. O señor Feijoo ten informes. Sabe que arden os montes sen limpar. E sabe tamén que os propietarios non colaboran. E os concellos tampouco.

Pero hai situacións graves que piden do Presidente accións drásticas.