«A música tradicional de Ferrol é absolutamente orixinal»

FERROL CIUDAD

cesar toimil

O investigador recorda a importancia do labor que fan as rondallas e o Real Coro Toxos e Froles

08 oct 2017 . Actualizado a las 22:19 h.

Pedro Blanco Llano (Ferrol, 1957) é autor de libros como o que rende tributo á Rondalla do Club de Campo, que en si mesmo é unha homenaxe a toda a música tradicional de Ferrol. O pasado ano publicou, no marco dun volume colectivo dedicado a Esteiro, un ensaio sobre a tradición musical do barrio obreiro de Ferrol por excelencia. É autor de varias das letras que se cantan na Noite das Pepitas e está vencellado ao Real Coro Toxos e Froles desde o ano 1974. Ao longo de toda a súa vida, vén facendo canto está na súa man para dar a coñecer a esencia da música tradicional e do folclore de Ferrol.

-¿Cal é a verdadeira importancia da música tradicional de Ferrol?

-A música tradicional de Ferrol é unha cousa absolutamente orixinal, non só en Galicia, senón en toda España. A música tradicional de Ferrol ten unha personalidade claramente definida, e ao mesmo tempo está moi ligada á historia da cidade. A súa nacencia ten que ver con que os traballadores da construtora naval, ao dispoñer do día de San Xosé como día de libranza, aproveitaban a véspera para saír a cantar. De aí xurdiu a festa das Pepitas.

-¿E que futuro lle agarda a unha festa coma esa, nuns tempos coma os que vivimos?

-O futuro depende do futuro das rondallas. Hai que ter en conta que a maioría dos rondallistas teñen xa unha idade moi alta, e que non se ve moita renovación, non hai apenas xente nova que se achegue ás rondallas. Iso non permite ter moita confianza no futuro, pero aínda así están aparecendo novas voces, como as que chegan das antigas tunas.

-E a música galega tradicional, ¿en que situación está en Ferrol?

-A música galega tradicional tamén pasou en Ferrol por circunstancias moi diferentes. Chegou a haber bastantes grupos folclóricos, e aínda segue a haber un número importante, aínda que aí xa hai tendencias distintas, entre as que está cada vez máis presente a innovación, cousa que tampouco é mala. A innovación, e influenzas doutros folclores. De todas maneiras, aí está sempre o Real Coro Toxos e Froles, que mantén viva a tradición galega.

-¿E segue a haber un público fiel para ese tipo de música? Tanto para a das rondallas como para a dos coros tradicionais galegos, quero dicir...

-Público, si. Iso si que o hai. Un público dunha certa idade, pero moi numeroso. E iso vese tanto nos festivais da Noite das Pepitas coma cando actúa o Toxos.

-¿Que se pode facer para garantir a pervivencia da música tradicional en Ferrol?

-Xa se ten falado, en repetidas ocasións, de buscar a colaboración do Conservatorio de Música, para que a xente que teña interese poida aprender, tamén alí, a tocar un instrumento. De todas maneiras, afortunadamente tanto as escolas do Toxos e Froles como as propias rondallas teñen as súas portas sempre abertas. Pero todo é pouco.