«É inexplicable que non se lle dedicase un Día das Letras a Carballo Calero»

FERROL CIUDAD

CESAR TOIMIL

Elia Rico lamenta que o Concello de Ferrol non convirta a casa do escritor nun centro dedicado ás artes e á literatura

02 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Elia Rico (Meira, 1949), poeta e mestra -porque ambas cousas son para sempre-, ademais de presidenta da Sociedade Cultural Medulio, dóelle ver como a lingua galega, e todo canto existe arredor dela, «vai perdendo terreo cada día» en Ferrol.

-¿E a que obedece iso?

-Á falta de compromiso. A unha falta de compromiso que en Ferrol é terrible. Non hai máis que ver como actúa o goberno municipal. Parece mentira que quen nos goberna teña tan pouca sensibilidade coa lingua do país, e xa non digamos coa cultura de Galicia. Non esperabamos isto.

-¿Ricardo Carballo Calero terá un Día das Letras?

-Iso é o que estamos pedindo, pero o desprezo á nosa cultura, que está invadindo todo, fai moito dano. Para min é inexplicable que non se lle dedicase aínda un Día das Letras a Carballo Calero. E paráceme terrible que o Concello de Ferrol deixase caer a súa casa, que podería ser un gran centro dedicado ás artes e á literatura. É incomprensible, todo.

-Vese moi doída...

-¿E como non o vou estar?