A guerra das palabras

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL CIUDAD

27 sep 2017 . Actualizado a las 00:09 h.

Coas palabras pasa que ás veces nos entendemos pero outras nos separamos. Temos a capacidade de dicir unha cousa e estar pensando outra. No coqueteo amoroso hai retrancas, dobres sentidos e trapelas. Na política hai unha guerra polas palabras solemnes e sagradas, por levalas ao noso campo, retorcéndoas até facelas case irreconocibles. Na crise Estado- Cataluña asistimos atónitos ao espectáculo da manipulación, exaxeración e disparate. A palabra «democracia» é a primeira víctima desta guerra. Sempre os outros son os antidemócratas. As palabras «franquismo» e «dictadura» funcionan para sinalar a maldade do contrario.

Un amigo de Ferrol dime que hai que rezar ao noso Señor pola unidade de España. En Montserrat rezan seguido pola independencia de Catalunya. ¿Deus e a Virxe atenderán a todos ou a uns máis que a outros? ¿Ou ao primeiro que chegue? ¿O Deus de Ferrol será falso para un independentista catalán? O matemático Alan Turing, aquel que descodificou as mensaxes da máquina Enigma era antipático, arrogante e faltón. A piques estivo de ser despedido polo seu carácter. A razón preséntase moitas veces sen adornos atractivos, sen «afeites», sen veos, a verdade espida.

Moitos escapan dela porque prefiren dicir unha cousa e estar pensando noutra. Se falásemos con fórmulas de química non habería forma de mentir. Pero as linguas sonche coitelos de dobre fío. Moi boas para namorar. As palabras además soan con música e timbre e mesmo con megáfono. Daquela estamos perdidos.