Rodolfo Ucha

Eva M. Montero O BAÚL

FERROL CIUDAD

22 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Barcelona, Bruxelas, Riga, Aveiro… Son só algúns exemplos de cidades que fixeron da súa arquitectura modernista -coñecida polo mundo adiante como Art Nouveu- lugar de peregrinación para miles de afeccionados á arte e, en concreto, a un estilo que esperta moitas simpatías polo orixinal das súas formas, estética coidada e colorido.

Ferrol pode presumir de contar, sobre todo na Magdalena, con edificacións dun estilo que floreceu na nosa cidade a principios do século XX grazas ao que, sen dúbida, foi un dos mellores arquitectos que tivo a nosa cidade, Galicia e atreveríame dicir que, da súa época, España: Rodolfo Ucha. Natural de Vigo e ferrolán de adopción, o insigne arquitecto agasallounos con auténticas xoias que hoxe non só poderían ser obxecto de estudo por parte de quen se dedica á arte, senón reclamo para unha cidade que pide a berros accións que contribúan a solucionar a súa maltreita situación económica. Resulta cando menos sorprendente que con máis dunha decena de edificios modernistas, Ferrol non conte cun museo, ou polo menos cunha sala permanente, dedicado a este estilo, e que as únicas rutas que se organizan sexan a contagotas e unicamente en datas sinaladas.

O Foro Ferrol Vivo presentou hai uns meses á Alcaldía un proxecto multidisciplinar, Ferrol é Moderno, que entre os seus obxectivos ten precisamente desenvolver diversas accións para poñer en valor o Modernismo local. Ante o mutismo institucional, e coincidindo co 135 aniversario do seu nacemento, chega o momento de recoñecer a pegada de Ucha. Nós farémolo cunha charla sobre a súa obra o 27 en Lea. É o mínimo que merece.