Miguel Vázquez: «A verdade é que, por riba de calquera outra cousa, o Toxos é unha familia»

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

CÉSAR TOIMIL

O abandeirado e decano do Real Coro xa é, en si mesmo, unha verdadeira institución

13 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Miguel Vázquez (Ferrol Vello, 1937), o abandeirado do Real Coro Toxos e Froles, cumpre oitena anos. Todo un acontecemento. E non só no persoal, senón tamén para a institución á que el representa, e na que encarna unha tradición que viaxa a través do tempo coa mirada iluminada sempre polo amor a Galicia. Nin que dicir ten que Miguel non é un abandeirado calquera. É o abandeirado do decano dos coros tradicionais galegos. Un coro do que él tamén é o decano, á súa vez.

-¿Cantos anos coa bandeira...?

-Oficialmente, eu son o abandeirado do Real Coro Toxos e Froles desde o ano 1978. Polo tanto, desde hai case corenta anos. Pero, como digo, daquela foi cando me nomearon de maneira oficial. Porque, en realidade, a portar a bandeira xa comecei moito antes, se ben é certo que non sempre dun xeito continuado. En 1970, polo tanto hai corenta e sete anos, eu collín a bandeira do Toxos por primeira vez.

-¿E cando ingresara no coro?

-No coro entrei en 1959.

-Polo tanto, leva...

-Non, a ver: eu entrei en 1959, pero pouco despois de entrar, e por razóns de traballo, houbo uns anos nos que non puiden cantar. Entón, e como a min me gusta ser serio, non quero dicir nunca que levo desde 1959 no coro, porque iso sería faltar á verdade. Tristemente, e cando era novo, houbo un tempo no que a miña actividade como corista quedou interrompida. Así que o que eu digo é que levo medio século cantando no Toxos. E o correcto, paréceme a min, é dicilo así. Non quero méritos que non son meus.

-¿Que é para vostede o Toxos?

-O Toxos é moitísimas cousas, á vez. Pero, chegado este tempo, a min hai algo que me gustaría moito destacar: o que humanamente representa. A verdade é que, por riba de calquera outra cousa, o Toxos é unha familia. Unha gran familia.

-Vostede posúe, ademais da Medalla Marcial del Adalid, a Medalla de Ouro do Toxos; que supoño que para vostede terá unha significación moi especial.

-Para min ten un inmenso valor. Pero aínda ten máis valor poder dicir que esa medalla de ouro tamén a posúe a miña filla, que por certo está casada cun corista. A miña filla ingresou no coro cando tiña tres anos, cousa da que estou moi orgulloso.

-¿Rise vostede tan pouco como parece...?

-Non, todo o contrario. Non é que a min non me guste rir e sorrir. O que pasa é que, cando estou portando a bandeira, gústame actuar coa solemnidade que iso require.

-¿Os abandeirados do Toxos tamén cantan no coro?

-A ver: non todos cantaron. Pero a min sempre me gustou cantar, e aínda que leve a bandeira, sigo cantando. Mentres me queden forzas, quero seguir facendo o que fago. Ata o último día.