A base

Eva M. Montero O BAÚL

FERROL CIUDAD

25 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Promover o deporte de base adoita ser un dos preceptos non só das entidades do gremio, senón de todos os partidos políticos e institucións. A ninguén se lle escapa que o deporte constitúe non só unha importante ferramenta educativa e de convivencia, senón tamén un ingrediente fundamental de saúde e vida sa.

Pero o certo é que non sempre se consegue, ben porque os recursos son limitados, porque as prioridades son outras, ou porque só de vontade non se vive. Apostar polo deporte de base implica contar cunhas instalacións suficientes, equipadas e apropiadas para iso, así como crer nestes valores e principios, establecendo políticas de colaboración entre clubes, centros educativos e administracións e destinando os medios humanos e económicos necesarios.

E se o deporte de base en xeral arrastra problemas, cando nos referimos a deportes minoritarios -ou sexa, todos aqueles que non son fútbol-, as dificultades increméntanse. Por iso, que Ferrol sexa berce de deportistas de elite ten un mérito dobre, e non queda outra que rendernos ante rapaces como Óscar Montes, que desde un club «modesto» como o Marina Ferrol, e co seu esforzo -e o da súa familia- e capacidade de superación, vén de ser seleccionado á española xuvenil de waterpolo. Non todos chegan -nin todas, que aínda o teñen máis complicado mesmo nos deportes considerados maioritarios-, e o mero feito de practicar deporte xa debe ser motivo suficiente de satisfacción, pero casos coma este deben facernos reflexionar sobre a necesidade de apostar pola nosa mocidade e o noso deporte en todas as súas modalidades. Son o noso orgullo ferrolán.