Advirte de que o abandono das Humanidades ten graves consecuencias para a sociedade
23 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Por riba de calquera outra cousa, e ademais de profesor, Juan Carneiro (Canido, 1955) é arqueólogo. As súas investigacións contribuíron de maneira decisiva a sacar do esquecemento xacementos prehistóricos de extraordinaria importancia, como os campos de mámoas de Marraxón, en Santa Mariña de Sillobre (Fene), ou o castro do Piñero, en Mugardos. Enclaves que gardan a memoria dun tempo do que seguimos ignorando case todo, pero sobre os que se asentan as orixes do mundo que vemos hoxe. Pero a prehistoria non é o seu único espazo de investigación. Nin moito menos. Juan é un profundo coñecedor, tamén, da historia do monacato. En especial da viaxe a través dos séculos do mosteiro de Santa Catalina de Montefaro. E, en xeral, un gran estudoso do pasado de Ferrolterra. Un pasado do que aínda nos falan pedras coma a que representa unha serea no vello pazo urbano dos Mariño, na Real Vila de Mugardos.
-¿Como se convence á poboación, en xeral, da necesidade de non destruír bens arqueolóxicos como os túmulos megalíticos ou os recintos castrexos, que non sempre se aprezan con facilidade a simple vista?
-En principio, o que hai que facer é contarlle á poboación a importancia que ten un xacemento arqueolóxico. Iso é o que fai posible que a xente valore o que ten. Os restos arqueolóxicos son o que nos queda dos nosos ancestros. Se perdemos a memoria, non somos nada como sociedade. Cando destruímos unha mámoa ou un castro, acabamos coa nosa memoria, co que nos distingue como seres humanos. É condenarnos a esquecer todo o que foron os que nos precederon. E non podemos quedarnos sen os alicerces que fan que a nosa civilización avance. No fondo, é un problema de educación. Se non se coñece unha cousa, tampouco se valora, e daquela é cando se destrúe. Por iso non podemos volver ao salvaxismo, á barbarie dos talibáns e do Estado Islámico.
-Pero o certo é que a día de hoxe non só se seguen a destruír xacementos prehistóricos, senón tamén monumentos posteriores á Idade Media.
-O fondo da cuestión é o mesmo: hai que aprender a valorar a herdanza que nos deixou o pasado. Na actualidade, por desgraza, estamos asistindo a unha perda de valor das humanidades, e iso ten consecuencias moi graves.
-¿E as novas tecnoloxías non axudan a coñecer o patrimonio?
-Son un gran avance. Os drones, por exemplo, coas imaxes dixitais que obteñen, son unha gran ferramenta arqueolóxica. Pero se perdemos os nosos valores, se non facemos que a tecnoloxía e as humanidades se beneficien entre si, acabaremos por destruír o que nos queda.
-E co patrimonio inmaterial, ¿que vai pasar?
-Pois está no mesmo caso: igual que temos que explicarlle á sociedade enteira que un xacemento arqueolóxico é patrimonio de todos, tamén temos que saber poñer en valor o que significa unha lenda para a nosa memoria como pobo. ¡Oxalá o noso tempo soubese escoitar con máis atención ás persoas maiores, que teñen tanto que contar...!
«Se non se coñece unha cousa, tampouco se valora, e daquela é cando se destrúe»
«Oxalá o noso tempo soubese escoitar con máis atención ás persoas maiores»