Reconversión

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL CIUDAD

05 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Naqueles días a vida xiraba arredor da Reconversión. Desaparecían as perspectivas laborais, as veladas, a masa obreira, a conciencia de clase, se é que existiu de verdade algunha vez, a transmisión entre xeracións dun xeito de vida, a cultura do traballo.

Coa Reconversión, ao cheiro das subvencións, aniñou na cidade unha peste de proxectos. Despachos con siglas curiosas (ZUR) e visas ouro para os xestores. Nunca vin tanta cara lavada por metro cadrado. Visitaban o concello empresarios aproveitados con produtos variados.

A proba de que todo aquilo era un conto foi que as infraestruturas como a autopista tardaron vinte anos en vir á comarca. E as infraestruturas ferroviarias aínda tardarán outros vinte anos. Un pesimismo de cinza cubría a comarca. Aínda segue. Houbo violencias e tensión. Menos que en lugares como Xixón, Sagunto, Reinosa...

Ocupación do concello, peches no salón de recepcións. Unha vez ao saír do Pleno un grupo foise contra o alcalde Quintanilla. Empurrárono e case o tiran pola escaleira. Quedamos todos paralizados agás Cuco (Arsenio Fernández de Mesa), que pegou un chimpo e cos brazos abertos defendeu ao alcalde berrando: «Al alcalde no se le toca».

O grupo non se esperaba esa reacción. Cuco baixou coma un guardaespaldas detrás de Quintanilla. Viñeron outros e afearon a conduta dos violentos. Marchamos todos do Concello de Ferrol menos os do peche.

Moitos que viron a escena non a recordan. A memoria usa defensas psicolóxicas. Pero as cousas como son.