Todo pola música

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL CIUDAD

28 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Visitei varias veces a don Amable, párroco de San Julián ou San Xiao, para que autorizara concertos de música clásica na concatedral. Xa comentei que o prezo do Teatro Jofre era prohibitivo (200.000 pesetas por día). Don Amable tiña un carácter que respondía ao seu nome. Fumaba moito e presumía de ser un bo pescador de río. Aguanteille algunhas leccións de tipos de cebo e anzois. En fin, todo pola música. Con moitos anos nas trincheiras do sacerdocio a súa teoloxía humanizárase. Para él a fe era un don e un misterio, «¿qué quieres que te diga?» Eu o que quería era falar da intendencia do concerto: orquestra e coro, alemáns, con obras de Bach e o réquiem de Mozart. A instalación eléctrica da concatedral era das de cordón vello e machete. Nada de cadro eléctrico e limitadores. Fixéronnos un presuposto de instalación como Deus manda. Máis ou menos no prezo do aluguer do Jofre. Era o que se podía pagar. «Divina» díxome exultante don Amable.

Pactamos silencio. O gasto pedía discreción pero o domingo na misa non se puido conter e predicou aos fieis que miraban coa boca aberta a iluminación. Podía ter falado da Luz de Deus, pero dixo: «Esta iluminación se debe al Ayuntamiento socialista que en muchas cosas os da ejemplo a los cristianos...» Afeoulles que fosen tan roñosos coas necesidades da Igrexa. Contoumo un amigo que asistiu a aquela misa. Aquel gasto foi como a man de Deus de Maradona. A factura dicía «gastos de infraestructura de montaxe para concertos na concatedral».