«Cultura elitista»

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL CIUDAD

15 jun 2017 . Actualizado a las 07:37 h.

Non me prepararon para recibir críticas. Dichosos os que saben encaixalas, pero aínda non atopei a ninguén que me aprendera. Criticábanme seguido por elitista.

A teima que tiña polas bibliotecas era elitista. Elitista a música clásica e máis o premio de piano que despois acadou categoría internacional. Elitistas as exposicións de arte na caixa forte (antigo Banco de España, coa espectacular porta blindada de seguridade).

Lembro a exposición do escultor Silverio Rivas. Foi cando a borrasca Hortensia. Silverio ficou en Ferrol catro días, porque a cidade lle gustaba. Como escultor abraiado diante da estatua do Caudillo fotografouna obsesivo. Quería subir de noite ata as patas do cabalo. Comprámoslle unha escultura para o gañador da etapa da volta ciclista a España. ¿Por qué non xuntar arte e deporte? Tamén eran elitistas os premios de investigación científica Inxeñeiro Comerma. ¿A ciencia elitista? Viñendo de clase do Instituto tiven que improvisar unhas palabras de benvida aos músicos do «curso de metais». Daban voltas na miña cabeza as explicacións escolares de cultura grega.

É o que ten dar clase e máis meterse en política. «Amamos a beleza con sobriedade. Somos unha cidade libre que goza da arte», dixo Pericles e eu copiei. O saxofonista Iturralde díxome que lle compensaba ter vido a Ferrol por escoitar aquelas palabras. ¿Qué máis quería eu? Gañei o día. Seguín logo co meu elitismo. Repetín o de Pericles no «día da Muñeira». Antes de que soltaran as gaitas.