Fernando Suárez: «Os informáticos somos a profesión máis social que existe»

Defende que hai que ensinar informática dende a infancia porque os nenos teñen que entender o mundo no que viven


santiago / la voz

Todos os días chega a noite. Pero só hai unha noite. É a noite dos enxeñeiros informáticos. E este ano esa noite comeza no solpor do 16 de xuño. Fernando Suárez ( Ferrol, 1973) e o presidente do Colexio de Enxeñaría Informática de Galicia.

-Vén de producirse o primeiro ciberataque mundial. ¿O inconscientes que somos en materia de ciberseguridade dá ganas de chorar?

-A verdade é que a poboación en xeral somos bastante inconscientes. Acabamos de ter un ataque global, e, sacándolle un lado positivo, concienciou moito á xente na importancia de protexerse, de ter sistemas actualizados, de facer copias de seguridade e ter antivirus. O activo máis importante que teñen hoxe as empresas é a información e os datos e non se está protexendo dun xeito acorde a este valor.

-E ao mesmo tempo Theresa May propón «controlar Internet». ¿Pódese? ¿Débese?

-Estamos nun momento no que moitas organización terroristas recrutan xente a través das redes e da Internet, pero non se poden poñer portas ao campo, porque sempre se poden buscar vulnerabilidades ou xeitos de bordear estas limitacións. E, por riba destas restricións teñen que estar as liberdades das persoas. Tamén se pode impoñer algunha serie de medidas para perseguir todos estes recrutamentos e outro tipo de delitos que se cometen a través de Internet, pero iso non quere dicir que haxa que limitar.

-Culpamos á máquina do que fan as persoas.

- Moitas veces é a desculpa fácil. Tamén vimos estes días o de British Airways e nun primeiro momento culpouse á tecnoloxía, cando foi un erro humano na acción que fixo que caeran os sistemas pero tamén no deseño deses mesmos sistemas, porque a tecnoloxía ben deseñada funciona ben. Hai que xerar confianza e tamén coñecer riscos e as necesidades de protexerse. Unha das cousas que defendemos é a profesionalización porque hai moitísimo intrusismo e moita xente que non ten as capacidades ou os coñecementos necesarios para deseñar os sistemas tan críticos que manexan ámbitos como xestión de tráfico, centrais nucleares, eléctricas ou incluso os datos de carácter persoal.

-¿O mercado laboral vai máis apresa que o sistema educativo?

-Estamos nunha época de cambios brutais, que non teñen precedente. É certo que se están a demandar perfís tecnolóxicos que non somos capaces de crear en todos os ámbitos porque a informática é transversal. De feito unha cousa que intentamos cambiar é esa imaxe asocial que temos os profesionais da informática, cando nos entendemos que somos a profesión máis social que hai, porque nos temos que entender con todos os demais profesionais.

-¿Habería que formarnos en tecnoloxía dende o berce?

- Todos estudamos física e química non para ser físicos e químicos, senón porque hai unhas leis físicas e químicas coas que vivimos. A día de hoxe, as leis informáticas están presentes en todos os ámbitos da vida. Non se trata de formar aos rapaces para que sexan futuros informáticos, pero si para que entendan o mundo no que van a vivir, que é un mundo tecnolóxico.

-E os riscos.

-Do mesmo xeito que a nós nos educaban para saber atravesar unha rúa temos que educar aos nenos a saber navegar por Internet sabendo que existen os riscos, cales son e como afrontalos.

-Fálase moito de big data. ¿Pasamos a derradeira fronteira da intimidade?

-Depende do que publiquemos. O big data pode explotar estas vulnerabilidades, pero hai un montón de datos accesibles que non constitúen información. O big data o que busca é xuntar todos estes datos e xerar información. E esa información, nun segundo chanzo, será coñecemento para mellorar como sociedade.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
20 votos
Comentarios

Fernando Suárez: «Os informáticos somos a profesión máis social que existe»