«Sen as humanidades somos máis vulnerables aos abusos»

FERROL CIUDAD

A profesora ferrolá presenta o xoves en Santiago dúas obras medievais que vén de traducir ao galego

30 may 2017 . Actualizado a las 12:15 h.

O interese da ferrolá Maite Jiménez polo latín e o grego remóntase á súa infancia. As traxedias de Eurípides impactárona de nena, tanto que, tras pasar polas Mercedarias e o Concepción Arenal, levárona a estudar Clásicas en Compostela. Hoxe en día espreme a súa paixón por esas linguas antigas nas aulas do IES García Barbón de Verín e tamén como tradutora para Rinoceronte Editora. Baixo este selo saen á luz o Cantar de Valtario e o Cantar de Ruododlieb, dúas obras medievais que Jiménez vén de traducir ao galego e que este mesmo xoves -ás 19.00 horas, na Facultade de Filosofía- presentará en Santiago.

-Que destacaría destas dúas obras?

- O Cantar de Valtario foi un best-seller no seu tempo. É unha obra breve e moi divertida. O seu autor sabía a Eneida de Virxilio de memoria, e por iso é unha pequena xoia das letras medievais, chea de humor, ironía e acción. O Cantar de Ruodlieb foi chamado a primeira novela de cabalería e o seu heroe o primeiro heroe cortés. O éxito persoal do cabaleiro non se corresponde co seu éxito editorial, que foi escasísimo. Se fose escrito en alemán, daquela tería gozado de máis éxito no seu tempo, pero o seu autor escolleu o latín, e nas cortes europeas xa había outras modas. Ruodlieb é coma un don Quixote alemán que fala latín.

-De onde vén o seu interese polas letras clásicas?

-O meu interese polas letras clásicas comezou de nena cando por casualidade caeu nas miñas mans un libro de Austral de traxedias de Eurípides. Vino nun expositor deses xiratorios nunha librería ao lado do colexio. Fascinoume o que alí se dicía, aínda que non entendía ben o seu significado. Tamén me entusiasmou o mesmo que engaiola aos meus alumnos: a etimoloxía e a mitoloxía. 

-O estudio das Humanidades non está a pasar polo seu mellor momento. Cal é o seu análise da situación?

-O trato que reciben as Humanidades é propio dunha civilización en decadencia. Non sempre o útil é o necesario. Unha fonte de felicidade para min é o coñecemento que chaman inútil. É o que máis gozo proporciona. O humanismo vai máis aló da profesión que desenvolvemos. 

-No seu libro «A utilidade do inútil», o profesor e filósofo italiano Nuccio Ordine fala precisamente diso e reivindica a importancia das humanidades. Cre, como el, que a educación está excesivamente dominada polo utilitarismo?

-Si. E os nosos estudantes atópanse orfos de ideas, de pensamentos, de referentes. Penso que é importante coñecer quen somos, por que dicimos esta ou aquela palabra, que lugar ocupamos no mundo. Coa ausencia de referentes e de formación humanística, somos máis vulnerables e máis vítimas de abusos por parte do poder e dos nosos gobernantes. Ás veces teño a tentación de crer que interesa a alguén a súa desaparición.

-Como se lle explica a un ‘millennial’ a importancia de estudar latín ou filosofía?

-Un país necesita enxeñeiros, matemáticos, economistas, médicos... Pero sen dúbida por cada vinte enxeñeiros ten que haber alomenos un filólogo, un historiador da arte ou un filósofo que faga de compás, de vixía, de modo que a sociedade estea equilibrada.

-A tecnoloxía aniquilará as humanidades ou será un revulsivo para o seu renacemento?

-Somos moitos os que pensamos que a tecnoloxía e as humanidades non son inimigas, senón campos do saber complementarios. Algúns de nós tentamos dar pasos cara esa harmonía, por exemplo, ensinando latín e grego con métodos naturais e aproveitando o potencial das novas tecnoloxías da información e da comunicación. Esta é unha corrente pedagóxica xa bastante potente en toda Europa e nos Estados Unidos e penso que é o futuro. Os docentes temos que sorprender, engaiolar, estimular. É unha tarefa ás veces extenuante se se quere facer ben e con compromiso.