«As mulleres temos que traballar o dobre para conseguir a metade cós homes»

FERROL CIUDAD

Xoán Piñón

Gañadora dun Goya e dun Mestre Mateo por «Decorado», a produtora Chelo Loureiro recibe hoxe o galardón á Muller Ferrolá do Ano

08 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Chelo Loureiro (Ferrol, 1958) leva toda a vida rompendo moldes. Foi das primeiras mulleres que entrou a traballar no naval, nunha oficina técnica de Bazán na que os homes, lembra ela, a miraban como se fose un «bicho raro». E agora, xa afastada dos estaleiros e tras pasar por diferentes experiencias profesionais, dedícase a pelexar contra vento e marea para sacar adiante proxectos dun tipo de cine, o de animación, que non sempre atopa tantos apoios como as películas con intérpretes de carne e oso. O seu traballo como produtora está detrás de títulos tan exitosos como A tropa de trapo, A flor máis grande do mundo ou Decorado, o corto de Alberto Vázquez polo que Chelo recolleu recentemente un Goya e un premio Mestre Mateo. E hoxe, no teatro Jofre (20.00 horas), esta muller emprendedora e soñadora engadirá un novo recoñecemento á súa lista de galardóns: o título de Muller Ferrolá do Ano.

-¿Contenta con este premio?

-Contenta, si, pero sobre todo abrumada. Teño recibido premios por empuxar o talento creativo, pero desde atrás, na sombra, e que me dean un premio así, en primeira persoa, é algo ao que non estou afeita.

-Vostede está abrir moitos camiños ao cine de animación feito en Galicia. ¿Resulta isto máis difícil sendo muller?

-Sen dúbida. As políticas de igualdade son moi necesarias porque as mulleres seguímomolo a ter moi difícil en numerosos ámbitos, como, por exemplo, o empresarial, que é no que eu me movo. Sendo muller custa moito máis traballo conseguir cartos para os teus proxectos e iso é porque o poder económico está en mans dos homes. Se houbera máis mulleres nos postos directivos dos bancos, as cousas serían moi distintas.

-¿Como se reflicte iso no mundo no cine?

-Nos países onde o cine é unha industria potente, e polo tanto móvense moitos cartos, as películas feitas por mulleres representan unha porcentaxe moi baixa. Nestes países só un 7 % dos directores son mulleres e iso reflíctese en que, na maioría dos casos, as actrices non logran papeis protagonistas, senón que se limitan a facer de filla de, muller de, nai de... Os súper heroes son homes, non mulleres. E todo iso é unha mágoa, porque o cine precisa a mirada feminina. Se non, ¿que tipo de mensaxe lles estamos a transmitir aos nenos? Fíxate que a primeira directora en levarse un Oscar foi Kathryn Bigelow e cando o gañou os medios non destacaron tanto o seu traballo como o feito de ser a ex-muller de James Cameron.

-¿Vostede sente que como muller tivo que renunciar a moitas cousas para poder medrar profesionalmente?

-A miña xeración foi a primeira na que as mulleres comezaron a saír da casa para competir no mundo laboral e lograr postos de máis envergadura. E iso non foi doado. Eu sempre sentín unha responsabilidade moi grande polo feito de ser muller. Cando estaba en Bazán, por exemplo, sentía que non se me xulgaba só polo meu traballo, senón tamén por como o facía sendo muller. E logo está a culpabilidade por non atender todo o que se quixera á familia. Lembro sentirme moi mal por ter que marchar da casa a unha reunión estando o meu fillo enfermo, pero en cambio o seu pai non sentía esa culpabilidade. Marchaba tranquilo pensando que estaba ben ao coidado doutra persoa.

-¿Que nos queda por acadar ás mulleres?

-A igualdade. As mulleres aínda estamos nese punto no que temos que traballar o dobre para lograr a metade do que logran eles.

Unha gala con cine e música

A conmemoración do Día da Muller, que este ano se celebra baixo o lema Un camiño por percorrer, vivirá esta tarde o seu acto central cunha gala no Jofre. A cita comenzará coa entrega do galardón Muller Ferrolá do Ano a Chelo Loureiro e, a continuación, terá lugar a proxección do corto Decorado, polo que a productora acadou un premio Goya e un Mestre Mateo. O acto pecharase cunha actuación musical de María Manuela, Uxía e Pilocha.