«Nas formas son unha rockeira, pero no fondo síntome fadista»

FERROL CIUDAD

MJ Pérez estará mañá no bar Cuerda Floja para presentar o seu novo videoclip e o disco «Guerrilleira»

02 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá, venres • Cuerda Floja (Espartero, 1) • Gratis • María José Pérez (Arzúa, 1992) empezou no mundo da música de «xeito accidental». Adoitaba tocar entre as catro paredes da súa casa e un bo día decidiu entoar as súas melodías nun recital organizado tras asistir a un curso de poesía con Yolanda Castaño. «Á xente gustáronlle as miñas cancións e empezáronme a chamar para facer concertos», lembra esta cantante con alma de poeta. Daquelo hai dous anos e hoxe en día MJ -como a chaman os amigos- xa pode presumir de ter obtido un segundo posto no Concurso Musical da Deputación e de contar con dous discos no mercado. Mañá estará en Ferrol para presentar o último, que leva por título Guerrilleira, e tamén o videoclip do seu sinxelo A peza solta, producido por ela mesma apoiándose nos seus estudos de Comunicación Audiovisual.

-¿Por que ese título para o disco? ¿Seica ten espírito combativo?

-No disco hai doce cancións cun nexo común: a guerra. E esas doce cancións compoñen unha guerra de principio ao fin, aínda que todas son independentes e podem ser escoitadas de xeito individual. Pero neste disco non falo da violencia ou das bombas, senón de todas esas guerras interiores que mantemos con nós mesmos e coa nosa contorna cada día. Por exemplo, no tema Dor de cotovelo, canto sobre a envexa e os celos, sobre esa xente que abonda nas vilas pequenas que parece que non ten outra cousa que criticar aos demais.

-E canta sobre todo iso en galego. ¿Foi algo natural ou trátase dunha declaración de intencións?

-Canto en galego por unha mestura de factores. En primeiro lugar, porque cando empecei a compoñer atopei no galego unha sonoridade e unha comodidade que non tiña noutras linguas. Cantando en galego síntome como se xogara na casa, porque é a lingua na que mellor me expreso. Pero tamén canto en galego porque penso que é necesario manter viva a nosa lingua. É unha realidade que agora mesmo está na corda frouxa e non podemos deixala esmorecer.

-¿Considérase unha cantante reivindicativa?

-Se por reivindicativa refíreste a criticar ao goberno e falar de cuestións políticas, non. Eu síntome reivindicativa pero desde o persoal. E neste disco falo da guerra perono no sentido dunha revolución interior. Penso que para cambiar o mundo primeiro temos que mirarnos a nós mesmos e preguntarnos que podemos facer para mellorar a nosa contorna máis próxima. Creo que temos que ser inconformistas e autocríticos con nós mesmos antes que cos demais.

-A súa música está moi influenciada pola poesía, aínda que nas formas segue a estela do rock e do pop.

-Gústame moito a mestura e por iso resúltame difícil etiquetar a miña música. Nas formas son unha rockeira, pero no fondo, na forma de cantar, síntome fadista, no sentido de que me gusta profundizar nos sentimentos sen ter medo a falar deles de xeito directo. Aínda que non nos guste, para curar unha ferida ás veces hai que escarvar nela.