«Amada García foi vítima, tristemente, da cruel intolerancia dos sublevados»

O historiador dirixe a mirada á figura da xove nai mugardesa fusilada en San Felipe


Ferrol

Bernardo Maiz Vázquez (Ferrol, 1950) naceu en Ferrol. Pero, como el mesmo aclara, iso foi accidentalmente, xa que a súa nai, médico de profesión que exercía o seu labor no Ambulatorio, se puxo de parto cando se encontraba na cidade. «En calquera caso -bromea Bernardo- os do Seixo nacemos onde queremos». E vén a conto esta anécdota, o da súa intensa vinculación ao Seixo -onde vive-, e polo tanto ás terras mugardesas, porque o drama de Amada Garcia, ao que lle vén de dedicar o seu novo libro, é algo que para el entra, de cheo, no ámbito dos sentimentos, no territorio das emocións

-O feito de sentir como algo tan próximo o drama de Amada García, ¿pode chegar a restarlle obxectividade?

-No meu caso, non. Aínda que me cause un profunda dor ese drama, eu son un científico. E neste libro, aínda que non poida dicir que haxa unha mirada obxectiva, porque todos somos humanos, o que si hai é a mirada dun historiador. Todo canto se di neste libro e verídico, comprobable. Un libro que, por certo, que non é unha biografía ao uso, porque non sé fala só dela, senón tamén de todas as circunstancias que a rodearon. O tempo da Segunda República foi un momento de cambio moi profundo, no que as mulleres collen un protagonismo público importante por primeira vez. Aínda que todo sexa relativo, porque naquel tempo en Galicia só hai unha única alcaldesa, e todos os demais son alcaldes. De todas formas, e como dicía Dieste, é un tempo de esperanza. Xente moi nova ve abertas ante si unhas posibilidades que nin soñara. E a represión franquista vai eliminar iso de raíz.

-¿Quen era Amada García, en realidade?

-Amada García era unha rapaza nada no ano 1908, filla dun pescador de baixura, e polo tanto de familia humilde, moi traballadora. A súa nai era redeira. O seu pai era un home libertario, fondamente anticlerical, e ela casa cun traballador de estaleiro, Gabriel Toimil Dopico, moi cualificado dentro da Maestranza, e de ideoloxía socialista. Ten unha primeira filla, que lle morre, Despois ten unha segunda filla, que aínda vive, e que é monxa de clausura. E, despois, un par de meses antes de ser fusilada, ten o seu terceiro fillo. O seu entorno, de gran politización, ten unha gran influencia nela. Amada, en 1934, aparece xa como militante comunista. E en xaneiro de 1936 está no escenario do teatro Jofre ao lado da Pasionaria. E foi candidata a concelleira, en Mugardos, nunhas eleccións que xa non se chegaron a celebrar.

-¿Por que a matan, en realidade?

-Porque Amada foi vítima, tristemente, da cruel intolerancia dos sublevados a de quen tiñan contra ela enormes xenreiras sexistas e clasistas. O de bordar a bandeira comunista é falso.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos
Comentarios

«Amada García foi vítima, tristemente, da cruel intolerancia dos sublevados»