Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

Facer Camiño

Eva Martínez Montero TRIBUNA

FERROL CIUDAD

31 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ooutro día chamoume a atención atoparme no Obradoiro de Santiago aos alcaldes desa cidade e da Coruña comparecendo ante os medios. Unha sorpresa motivada pola insistente énfase anticlerical dos rexedores de Mareas e porque estaba a celebrarse ante a catedral e co deán. A sorpresa transformouse en indignación cando, horas máis tarde, lin que a visita do alcalde coruñés tiña como obxectivo conseguir a Compostela para quen realizaba o Camiño Inglés desde a cidade herculina. Todo un cúmulo de despropósitos se temos en conta eses principios ideolóxicos que din levar á práctica ao extremo pero, sobre todo, porque se falaba do Camiño Inglés coma se non existise xa e coma se non saíse (ademais) dun municipio, onde, por certo, tamén está a gobernar un alcalde da mesma onda, que non se atopaba entre a comitiva.

Ao gran. O Camiño Inglés estaba recoñecido só desde Ferrol, xa que para que a Igrexa outorgase a Compostela téñense que percorrer máis de 100 quilómetros, unha distancia que se supera neste caso e non na ruta que parte desde A Coruña. Pero, máis aló de cuestións «eclesiásticas» (non menores neste caso), o Camiño converteuse nunha poderosa ferramenta turística e cultural para os municipios polos que se pasa. E o inglés non é menos, tal e como o constatan os datos. Por iso, o feito de que se «oficialice» a ruta desde A Coruña (aínda que con condicións postas pola Igrexa) suporá un problema para a nosa cidade. Porque, digo eu, se quixesen revitalizar o Camiño Inglés no seu conxunto, contarían os dous alcaldes co de Ferrol, non? E se quixesen establecer unha colaboración para mellorar esa ruta e non caer en algo así como unha «competencia desleal», tamén o chamarían, non? Pois os feitos apuntan ao contrario. O Camiño Inglés debe ser potenciado e, sobre todo, mellorado. É necesario contar cun albergue en Ferrol (en Ferrol Vello), cunha mellor sinalización -existía un proxecto de Eduardo Hermida moi interesante- e infraestruturas -tanto á saída como ao seu paso por diferentes lugares da comarca, onde a falta de mantemento e atención é máis que notoria-. Así que fagamos camiño, pero non só ao andar, tamén con propostas e reivindicacións. Que outros non perden o tempo.