A galería Sargadelos

Siro López TRIBUNA

FERROL CIUDAD

16 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Falar do peche da Galería Sargadelos en Ferrol resúltame difícil por dúas razóns. Porque me gustaría comentar como se chegou a esta situación -a das fábricas e a da Galería-, pero non debo; e porque me doe recordar a Idade de Ouro da tenda, despois da apertura en 1990, na rúa Dolores, cando se converteu no mellor escaparate dunha cerámica galega que, por deseño e calidade, está entre as mellores do mundo. Sargadelos era o lugar de encontro dos ferroláns amantes da arte e da cultura, que asistían ás inauguracións das interesantes exposicións programadas por Chelo Loureiro, a xerente, e ás conferencias e presentacións de libros, tan frecuentes e que contaron coa presenza dos nosos mellores escritores.

As cerámicas do Castro e de Sargadelos vendíanse tanto, que os beneficios previstos se multiplicaron desde o primeiro ano. Chelo conseguiu un contrato con Estrella de Galicia para facerlle as columnas expendedoras da cervexa cun deseño de Díaz Pardo. Foi empeño seu; só ela se interesou na operación, que resultou un éxito económico porque se fixeron miles, e logo outras tantas cun novo deseño. Era, quizais, o primeiro aviso de que as cousas non ían como deberan. E non foron; pero, malia os problemas que xurdiron e a perda de beneficios, a Galería Sargadelos seguiu a ser, ata hoxe, un centro cultural clave na cidade polas actividades propias e as celebradas por outras entidades. Sinto a desaparición como unha gran perda, pero non ten que ser definitiva. As fábricas están a superar a crise e pode que algún empresario tome con entusiamo o relevo na franquicia e saiba darlle novo pulo. Aquel pulo dos anos 90.