Os Camiños de Santiago

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL CIUDAD

27 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora que pasou o día de Galicia, que é o día do Apóstolo e o día de Compostela, e hai anos era o día de España, porque moitas conquistas se fixeron ao berro «Santiago y cierra España»... Imaxino que berrarían tamén outras cousas ( mellor están caladas) e berrarían despois no reparto do botín... Pois agora que «pasou o día, pasou a romaría» e podemos pensar un chisco no tema. Santiago e máis o Camiño son algo europeo e mesmo mundial. Para entender o fenómeno hai que entender o poder da propaganda. A propaganda do Camiño foi intensa e intelixente. Hai séculos os reis de Castela-León pagaron moitos cartos á Orde de Cluni para que predicara a peregrinación a Santiago de Compostela. E os monxes de Cluni cumpriron. Daquela estaba Xelmírez e os comerciantes criticaban que gastase tantos cartos en propaganda. Despois veu Fraga Iribarne e volveu a entender que sen propaganda non hai Camiño nin farrapos de gaitas. Santiago ten pasado de ser unha vila cativa á cidade «emblemática» «elixida». As cidades elixidas poden caer na soberbia, pero ese é outro tema. O éxito dos «Camiños de Santiago» non depende dos santiagueses -Deus non o quera- Depende de outras cidades que comprenden que o negocio do Camiño é para todos e que o Camiño se fai pola ansia de camiñar e de buscar «algo». O camiño inglés nace para ser andado desde Ferrol, pero xa ven polo mar de moitos lugares do norte. Que veña Xelmírez. Explicaría que ser porto dese camiño internacional é importante.