As Sisargas

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL CIUDAD

22 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai tres illas acubilladas nun nome plural, Sisargas. Son unha imaxe na distancia dende Prior, unha silueta única para tres illotes e unha morea de pedras, cada unha co seu nome, cada unha coa súa historia, as veces tráxica, outras clemente. Un dos illotes leva o nome do «Magnánimo», en memoria dun navío de liña construído en Esteiro en 1753 con once máis, os Doce Apóstolos. Tras sucalos mares dende Cantábrico a Atlántico, do Mediterráneo ao Caribe tivo na viaxe de volta a Ferrol, a desgraza de bater co penedo que o lembra no medio dunha néboa espesa. Mandado polo Almirante Topete, salvou ao resto do convoi disparando os seus canóns para avisar do perigo.

As Sisargas son un referente visible dende as abas do Prioiro, onde a mirada pode divisalas, coma sen querer, cruzando cara ao suroeste as 25 millas náuticas de mar incerto que as separan. Co tempo bo a bruma as pode agachar ata facelas desaparecer, mais a visión nidia do seu perfil avisa de chuvias certas, e a sentenza xurde: «Vense as Sisargas, vai chover».

Coma todas as illas, As Sisargas semellan tamén metáfora de vida e reto persoal. Son lugares dende o que as sereas da distancia chaman por nós coa invitación a partir, a emprender unha viaxe que quizais nunca fagamos, un propósito máis a relegar no caixón dos desexos. Quen isto escribe, procura facerlles visitas cando pode, e sabe algo das dificultades de acadar destino, de cambios rápidos de estado do mar, de ventos que rolan nun intre e néboas concertadas polos aires mariños e a calor das pedras. Máis todo é ben compensado polas horas de illamento, camiñando unha paisaxe fermosa na súa dureza mariña, baixo un ceo de gaivotas preocupadas cos seus polos.