«As dunas da nosa costa tardaron miles de anos en formarse»

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

ANGEL MANSO

Eterno defensor do ecosistema, agora volve ser o delegado da Sociedade Galega de Historia Natural

06 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Conviría recordar, así xa de entrada e coma para ir abrindo camiño, que Xan Rodríguez Silvar (Ferrol, 1953) foi, durante anos, o director de Instituto Sofía Casanova. Cousa que ten unha significación que vai moito máis alá do que puidera parecer en primeira instancia, posto que ese centro ferrolán de ensino medio acabou por converterse, da súa man e da de tantos outros profesores, nun símbolo do esforzo por facer dos valores unha das columnas esenciais da educación. E dito isto, quizais sexa bo lembrar, tamén, que Silvar leva unha vida enteira dedicado a defender o ecosistema. E que con esa maneira de ser súa -sempre cun sorriso, e sen que ninguén lle escoitase unha mala palabra xamais-, segue a chamar a atención, infatigablemente, sobre a importancia de preservar, en todos os sentidos, o patrimonio común.

-¿Fáltalle perspectiva, á nosa sociedade, para chegar a tomar verdadeira conciencia do que representa o ecosistema?

-Depende. Hai casos e casos. En teoría, non. Teoricamente, a ninguén se lle escapa a importancia de preservar o patrimonio natural, e ninguén ten dúbidas arredor diso. Pero despois, na práctica, o asunto xa cambia. Así podes encontrarte con persoas que che din que eles aman moitísimo a natureza, pero despois queren ir pasear co can polas dunas. E xa non quero nin pensar nos que estarían encantados de seguir andando por elas cun quad. E mira, habería que recordar todos os días que as dunas da nosa costa tardaron miles de anos en formarse. É un milagre que existan.

-Volve estar vostede á fronte da delegación da Sociedade Galega de Historia Natural. Unha entidade da que foi cofundador.

-Si, pero iso non pasa de ser meramente circunstancial. Eu nunca me desvencellei da SGHN, e o meu compromiso, nese cargo ou en calquera outra circunstancia, sempre foi o que sempre seguiráa ser: coñecer, divulgar e protexer o patrimonio natural.

-Un patrimonio natural que nesta comarca é extraordinario, en contra do que ás veces se pensa.

-E tanto que o é. Nesta comarca temos moitísima diversidade, e ecosistemas moi importantes. Temos a Fraga do Eume, que é unha rareza. Temos a Fraga do Belelle, na que podemos atopar incluso unha orografía propia dos territorios da montaña moi cerca do mar. Temos un patrimonio xeolóxico peculiarísimo, que é o que está tratando de poñer en valor Fran Canosa, que fai un labor impagable; un patrimonio xeolóxico que é o que fai posible que haxa unha praia de area negra moi cerca de San Andrés de Teixido. Temos aínda aves que dependen precisamente das dunas e que están en grave risco de extinción. Temos a camariña, un arbusto que máis ao norte xa é imposible atopar...

-Falando de San Andrés de Teixido, esa porta entre dous mundos, ¿que relación pode haber, se é que hai algunha, entre as inmensas masas pétreas que o envolven e esa sensación de que «todo é santuario» que un percibe ao chegar alí.

-Desde unha perspectiva científica, eu non podo responder hoxe a esa pregunta. Pero tampouco podo esquecer de qué maneira funciona o noso organismo, nin cómo se relaciona co medio no que se desenvolve. Talvez un día poida haber unha explicación, desde a ciencia, para o que hoxe non sabemos entender.

-¿Aínda voa o moucho real polas fragas do Eume?

-Hai algúns exemplares, si.

-¿Por que se converteu nun problema o xabarín?

-Porque a presenza humana está retrocedendo en inmensas zonas que antes foron obxecto dunha explotación agrícola intensa, e que agora se abandonan.

-E co lobo, ¿que ocorre?

-O lobo ten que ter o seu lugar no ecosistema. Tamén xoga o seu papel no equilibrio natural, impedindo que se convirtan en plagas grandes herbívoros, coma o corzo. Pero unha cousa ten que estar clara: o gandeiro non ten que pagar a presenza do lobo. Se hai danos, a Administración ten que indemnizar á xente.