Bailando Ferrol

Roberto Taboada FERROL

FERROL CIUDAD

. ángel manso

Dez compañías participaron o venres e o sábado na primeira edición de de Vai de baile

04 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Rematado o mes de xuño a actividade dos equipamentos escénicos da cidade de Ferrol, Auditorio e Jofre, desaparece da axenda cultural. A frenética sucesión de concertos, galas e outros actos esfúmase do noso día a día. O trasfegar de xentes, entrando e saíndo, buscando aparcamento, agardando para acceder, rematou. Os dous botan o peche polo descanso estival da programación e aproveitaran -imaxino- para a revisión e posta a punto de todos os materias e equipos: descolgaranse os aparatos de iluminación, os panos, repintaranse as caixas escénicas, engraxaranse maquinarias? un traballo imprescindible para o óptimo funcionamento das instalacións, deixándonos unha imaxe - certamente, algo morriñenta- dun patio de butacas cuberto cunha gran funda para protexer as butacas do po e das reparacións.

Se a concelleria de cultura tivera a ben facer público o rexistro da actividade de ambos espazos, dariamonos de conta do grao de ocupación e uso, comparable a poucos teatros en Galicia e no Estado.

Un éxito ao abrir á cidadanía, os ata hai pouco sacrosantos lugares, vetados a moitas das entidades e actividades que agora fan uso deles.

O venres e sábado pasados Ferrol celebrou a primeira edición de Vai de Baile, unha actividade organizada pola concellería de cultura.

A cidade encheuse dos corpos en movemento dunha vintena bailaríns e bailarinas vidos dende O Salvador, Costa Rica, Cataluña, Madrid, Andalucía e Galicia.

Un total de dez compañías -máis unha gratificante e fresca colaboración do Club Esquío e as ximnastas do seu XX Encontro Internacional- que presentaron doce pezas curtas para espazos urbanos.

O venres na tarde comezou o festival cunha singular proposta para bailarina e espectador/a de cinco minutos dentro da paxareira do Cantón -acondicionada, para a ocasión, con area no chan e mesa e dúas cadeiras no seu centro- ao cargo de Rebeca Carrera sobre unha composición de Alberto Cortés, dende Málaga. Foron duas horas de extraordinario exforzo dancístico, bailando exclusivamente para a persoa que sentaba na cadeira; unha intimidade exposta ao público que circundaba o exterior do espazo ornamental, gozoso para quen sentou e para quen soamente actuou de voyeur.

O sábado foi unha xornada longa. Na mañá os/as paseantes do Inferniño e Caranza sorprendéronse cunha sesión de danza e na tarde, un extenuante percorrido danzado comezando no Baluarte de Canido e de seguindo: xardín do Torrente Ballester, Paque Raíña Sofía, Praza Vella, Cantón, Exponav e o fin no patio do Torrente.

O paseo acumulou retraso nos horarios previstos, mais agradou moito ás foraneas que se achegaron.

O programa foi variado de estilos: intervencións espectáculares, virtuosas, sobrias, lúcidas, íntimas e espacialmente logradas, como é o caso dos cataláns Iron Skull e a súa intervención nas ruínas do número 18 da Praza Vella; sutil, áxil e poderoso xeito de incorporar a arquitectura á proposta artística.

Esta tempada, que xa rematou, propuso tres programas, que pola súa singularidade e natureza seguen a liña anunciada dende cultura: Na Raíz, o ciclo de músicas tradicionais actualizadas; Fóra do Mapa, o festival de artes escénicas para espazos singulares e Vai de Baile, danza para espazos urbanos. Ao mellor, estanse a fixar os alicerces dunha programación cultural.