Museos

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL CIUDAD

27 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Día das Letras Galegas e do Día Internacional dos Museos permitíronme, na compaña dun grupo de amigos de fóra, a posibilidade facer un percorrido por catro exemplos de museo dispoñibles en Ferrol. Catro casos expositivos que, xurdidos de ben distintas orixes, son un reclamo singular para visitar a cidade. Digo singular, ademais, sen carga chauvinista algunha, o cartesianismo que un «leva de serie» como fillo da cidade non me permitiría facelo, pois como todo ferrolán áchome entre a estima e a crítica do noso. O primeiro da xira foi o Museo Naval, con elementos capaces de dar unha primeira idea da importancia da navegación para un estado que chegou dende Filipinas a América. A súa visita, gratuíta, deixa sabor a pouco e invita á repetición, para asombrarse co enxeño da navegación e os seus recursos. A carón, Exponav loce, no impresionante edificio de Ferrerías, unha ruta polas ciencia (e arte?) da construción naval. A visita, preferiblemente a facer guiada, asombra ao profano e reforza a estima do naval. De Exponav saltamos a Canido, barrio orgulloso do seu ser e das Meninas que locen en muros e balcóns, grazas á teimosía do pintor Eduardo Ermida, activista e promotor dende 2008 da arte na rúa para a recuperación emocional e material do «barrio». Por Canido camiñamos paseniño, celebrando o número crecente de casas rehabilitadas, ata visualizar a sólida silueta da Casa do Coronel, que alberga o cerne do Museo da Natureza, feito posible polas achegas e entrega de tantas persoas coa Sociedade Galega de Historia Natural dende 1979. Todo en Ferrol, tecnoloxía, arte e natureza nunha ruta con contidos atractivos e abundantes para pasar e repasar. Para non perdelos.