Bares. Que lugares!

Roberto Taboada FERROL

FERROL CIUDAD

JOSÉ PARDO

Locais de hostalería da cidade mostran distintas exposicións fotográficas

11 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1986 Gabinete Caligari cantaba ás excelencias dos bares (...tan gratos para conversar. No hay como el calor del amor en un bar). O tempo pasou e estes lugares ademais de calor, amor e conversa, ofrecen máis oportunidades de enriquecemento á súa clientela.

Os bares de Ferrol -hostalería en xeral- están a tomar unha posición proactiva para a mellora da súa actividade; agasallando con concertos en populares sesións vermú ou convertendo as súas paredes nun espazo expositivo. Estes locais, transmutados en breves galerías de arte, dan unha benvida artística ás visitas, abandonando as láminas reproducidas en serie ou os adornos industriais.

A afección ferrolán á fotografía está de boa hora, así, nos últimos meses, tres profesionais -Rivera Jove, Segura Torrella e Pérez Gil- asociáronse para crear un novo espazo (Mémoro). O Centro Torrente Ballester inaugurou unha exposición (Muros) do fotoactivista Gabriel Tizón, con máis de 50 instantáneas demoledoras sobre o éxodo das xentes que foxen dos conflitos bélicos do Próximo Oriente. A Galería Sargadelos acolleu a presentación do foto libro (Ciudad) de Jose Pardo, comezo dunha serie de publicacións. A Fundaçom Artábria amosa unha colección de imaxes (Galiza nos meus ollos) de Juampa Ameneiros.

E por se fose pouco, a semana pasada coincidiron en catro bares, catro exposicións de catro fotógrafos; distintos estilos e variadas propostas artísticas.

Na Tasca da Vella, Eloy Taboada presenta 5 retratos de nenas sirias en cor sepia. As imaxes foron tomadas no Val do Éufrates durante as viaxes do proxecto arqueolóxico da Universidade da Coruña -concluído por mor da guerra- e no 2014 formaron parte dunha exposición colectiva para recadar fondos para UNICEF. Desta vez, o fin solidario volta a ser o motivo da mostra. As instantáneas dos rostros provocan certo desasosego no espectador, coñecedor el e non os nenos -que posan inocentes- do destino do lugar ao pouco tempo.

No café Zucre, a veterana locutora de radio Mayte López amosa as súas habilidades disparadoras en 18 imaxes -flores, en primeiros planos, embarcacións e litorais- con moita cor e luz, amosando unha frescura e inxenuidade moi de agradecer.

Na Praza do Callao, no Bonilla -acertadamente reformado- o fotoperiodista César Toimil presenta 14 instantáneas moi coloristas. Lonxe do seu habitual estilo as imaxes preséntanse moi xoguetonas aos ollos do espectador, retándoo ás veces a descubrir o exacto do fotografado. Desbordan imaxinación e reafirman ao autor na súa boa puntería.

Cruzando a rúa, Las Palmeras amosa 10 composicións fotográficas de Lin Gómez -Donde sueñan las olas- con costas, ceos, aves mariñas e ondas recreando un imaxinario moi local, cargado de maxia e ata unha homenaxe a Dalí e a súa muchacha mirando al mar, imaxes delicadamente traballadas que acentúan a beleza do retratado.

É moi de agradecer a simbiose entre hostaleiros e artistas, non obstante hai que mellorar a información do exposto, facilitando a súa divulgación entre a clientela. Bares que lugares para expoñer e mercar arte.