Morre Ramón Lugrís, europeísta que «capitaneou o novo galeguismo»

H. J. Porto LA VOZ

FERROL CIUDAD

VITOR MEJUTO

O intelectual ferrolán traballou na BBC en Londres e en Nacións Unidas

03 dic 2015 . Actualizado a las 13:55 h.

Foi unha figura clave para Galicia, pero levaba anos anomalamente ocultada. O pasado 17 de novembro Xosé Luís Franco Grande, Xulio Ríos e Gonzalo Rodríguez Mourullo reuníronse en Madrid co xornalista Ramón Lugrís (Ferrol, 1932) e, nunha pequena homenaxe, entregáronlle un libro como agasallo, comeron con el, conversaron longa e afablemente. «Estaba feliz», recorda o escritor e académico Franco Grande. Pero, de repente, onte, Lugrís sentiuse mal; unha embolia acabou coa súa vida.

Franco Grande defineo como «un home que, en Santiago, nos anos cincuenta, capitaneou o novo galeguismo; foi o iniciador dun movemento que se perdera cando a Guerra Civil, e que el rescatou».Era o maior dun grupo que comezou a recuperación do pulo da conciencia do galeguismo -inspirada na súa amizade con Ramón Piñeiro e na Xeración Nós, coa que trata en Compostela- que agromaba dende o seu amor polo idioma propio e o seu posicionamento europeísta, no que se formou sendo estudante en Barcelona. «Era un auténtico cidadán do mundo», enxalza Franco Grande.

Marchou a Londres contratado pola BBC en Londres, empregouse nas Nacións Unidas, foi tradutor da ONU, participou en congresos internacionais en África, viaxou por todo o planeta, e traballou na axencia Efe ou como correspondente en Gran Bretaña de Radio Nacional de España. Escribiu un sinfín de ensaios e artigos sobre Europa, sobre a cultura galega, e firmou o primeiro libro despois da guerra sobre a importancia das achegas de Vicente Risco á cultura galega.

A importancia do seu papel na recuperación galeguista merece recoñecemento, malia que acabou afastándose paulatinamente e por vontade propia da vida política do galeguismo. Contrario aos nacionalismos disgregadores, o que nunca esmoreceu foi o seu convencemento europeísta federal. Así, consideraba que, aínda coas crises recentes, a UE pasaba por ser a canle fundamental para a defensa dos intereses de Galicia como país dende unha voz propia.

«Unha voz destacada do galeguismo europeísta»

A Real Academia Galega (RAG) lamentou a morte de Ramón Lugrís, unha «voz destacada do galeguismo europeísta». A través dun comunicado, a RAG recordou a figura de Lugrís como «voz destacada da xeración de xóvenes que traballou pola recuperación da conciencia galeguista nos 50».

Para Xesús Alonso Montero, presidente da institución, Lugrís fou «un dos pioneros» da xuventude dos anos 50 que «levantaron por primeira vez a bandeira do galeguismo», unha traxectoria na que foi decisiva a figura de Ramón Piñeiro.