Contra o muro

ROBERTO TABOADA FERROL

FERROL CIUDAD

Tizón, na exposición do Torrente Ballester, unha proposta da oenegué Causas Comúns.
Tizón, na exposición do Torrente Ballester, unha proposta da oenegué Causas Comúns. iris cabezas< / span>

A exposición fotográfica de Gabriel Tizón inclúe o audiovisual "Lesbos, a illa que non flota", asinada por el e por Rocío Botana

23 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Lesbos é o nome dunha illa grega situada no Mediterráneo oriental, moi próxima á costa turca. No imaxinario colectivo estaba, ate o de agora, unha relación co turístico e con ser, nos tempos da Grecia arcaica, o lugar onde residiu a poetisa Safo, que foi unha innovadora na métrica e a fundadora dunha academia para mozas, ao estilo da de Platón, onde lles ensinaba arte, danza, canto e literatura. A poetisa nomeou un tipo de verso, o sáfico e a illa a unha forma de amarse.

Lesbos volta ao noso imaxinario, alonxándose da imaxe bucólica, por mor da actualidade informativa. Milleiros de persoas chegan ás súas escarpadas costas, procedentes de Turquía, fuxindo da barbarie bélica, non só de Siria, se non tamén doutros países non tan actuais como Afganistán, Iraq, Somalia, etcétera... Dise que dende a Segunda Guerra Mundial non acontecía un desprazamento tan numeroso de seres humanos, mais desta vez as guerras non se libran no territorio europeo, ou si?; desta vez non é a poboación da Europa a que busca refuxio noutros lugares.

Unha crise humanitaria con máis preguntas que respostas, unha crise que Europa, tan áxil para rescatar bancos, é incapaz de xestionar e solucionar.

Lesbos é o lugar protagonista da peza audiovisual Lesbos, a illa que non flota, asinada pola traballadora social Rocío Botana (Santiago de Compostela, 1988) e o foto-activista Gabriel Tizón (Ferrol, 1973). A película ponnos na primeira fila do drama épico desas persoas que, obrigadas polas circunstancias, emprenden a travesía marítima na procura da Paz. Moitas non chegarán.

O documental está montado e editado con esmero por Xosé Bocixa, que compón un relato visual emocionante e emocional, ben distante da obscenidade coa que habitualmente se tratan estes asuntos. A elo ben axudan as imaxes, nun dramático branco e negro para o día e nunha elocuente cor para as escenas de noite -iluminadas tenuemente con lanternas, faros, lumes- e tamén a ausencia delas cos sons dun desembarco ás escuras.

O documental forma parte da exposición fotográfica Muros, que o pasado mércores inaugurou -cunha grande afluencia de público- no Centro Torrente Ballester, o concelleiro de Cultura Suso Basterrechea, e o autor, o propio Tizón. Na súa presentación ambos fixeron referencia á austeridade da montaxe e á non intencionalidade política da mostra, o primeiro é moi loable e creo que as circunstancias o amparan, non ata o punto de non ter presenza na web do Centro, mais o segundo -descoñezo o motivo-, creo que o feito artístico ten unha compoñente política, na súa acepción orixinal, se non so é entretemento.

A exposición recolle, en 62 imaxes, o percorrido ao exilio das xentes que foxen das balas, das bombas, dos fanatismos, atravesando os muros que coloca Europa. As fotografías son duras, sen artificios, coa capacidade de suxerir unha historia, de crear un contexto. Dicía J. Ford: «Hai mil lugares onde colocar a cámara, pero soamente un é o correcto». Tizón non soamente sabe do lugar, se non que coñece o instante do disparo.

escenarios fotografía