«O castro foi abandoado hai case dous mil anos»

ÁLVARO ALONSO, A.V. FERROL

FERROL CIUDAD

Armada é investigador do Instituto de Arqueoloxía de Londres.
Armada é investigador do Instituto de Arqueoloxía de Londres. pernas< / span>

A obra será presentada esta tarde ás 20 horas no local da asociación de veciños de Covas

22 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

As pescudas ao redor do xacemento das illas de Santa Comba de diversos investigadores da Facultade de Humanidades de Ferrol e do CSIC, durante algo máis de catro anos, deron como resultado O xacemento de Santa Comba e a minería de Covas (Embora, 2014), que será presentado esta tarde ás 20.00 horas no local da asociación veciñal de Covas.

Xosé Lois Armada, doutor pola Universidade da Coruña, e Víctor Alonso son ademais de coautores, editores da obra. Armada, natural de Cariño, asegura que o libro «espertará o interese polo castro e o seu entorno».

-¿Cal foi o punto de partida desta investigación?

-Santa Comba era un xacemento que xa coñeciamos. Levouse a cabo unha excavación en 2001 e outra en 2006. A raíz desta última, e animados pola Sociedade Cultural Columba, decidimos continuar a investigación dende a universidade.

-¿En que consistiu o proxecto?

-Quixemos que fose unha especie de laboratorio de técnicas arqueolóxicas non invasivas. En primeiro lugar efectuamos estudos de prospección xeofísica, o que coloquialmente se coñece como «ver debaixo da terra», coa fin de detectar estruturas arquitectónicas soterradas sen necesidade de excavar. Outra técnica empregada foi o LIDAR, é dicir, imaxes aéreas xeorreferenciadas que nos permiten eliminar a cobertura vexetal e tomar medidas. Esta última foi útil na mina de ouro de Covarradeiras, unha explotación a ceo aberto. Puidemos medir o seu perímetro e a súa lonxitude. Tamén fixemos unha nova planimetría do castro, un estudo xeomorfolóxico e algúns estudos con Sistemas de Información Xeográfica.

-¿Que dificultades existiron?

Entre outras, o mal estado da escaleira de acceso á illa do medio, á que tivemos que entrar cunha escaleira de man. Tamén a densa cobertura vexetal na antiga mina de ouro de Ponzos.

-Canto tempo lles levou?

-Algo máis de catro anos. Comezamos cos primeiros traballos de campo en 2010 e rematamos de escribir a obra en setembro de 2014.

-¿Cal é a historia do xacemento?

-Estivo ocupado dende o século III A.C. ata mediados do século I da nosa era, polo que o castro foi abandoado hai case dous mil anos. Manexamos dúas hipóteses para o seu abandono. Unha está relacionada coa fin das actividades mineiras na mina de Covarradeiras, en Ponzos. A outra supón que nese primeiro século o castro empezou a súa conversión cara ás illas actuais. Despois dun lapso temporal, na época medieval construiuse a ermida de Santa Comba. O primeiro documento que a menciona data do ano 868.

XOSÉ LOIS ARMADA COAUTOR e editor CIENTÍFICO DE «o xacemento de santa comba e a minería de covas»