O plan que destrueu a Bazán

Xaquín G. Sinde TRIBUNA

FERROL CIUDAD

14 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Titulaba La Voz de Galicia o día 9 El naval mira atrás al plan del 99. A única razón para mirar a 1999 é non repetir un plan así, que está no inicio da destrución do modelo de empresa da Bazán. A motivación dese plan non foi o exceso de plantilla, senón o aumento da subcontratación para beneficiar intereses particulares. En 2004 repiteuse a xogada, agravada porque nin sequera houbo unha cobertura parcial de vacantes. O resultado está á vista: a degradación das condicións laborais (especialmente nas compañías), da propia empresa e da situación socioeconómica da comarca.

Vivín o plan de 1999 como membro do comité de empresa. Esas prexubilacións foron anunciadas como inminentes polo presidente de Bazán no outono de 1996, ¡case tres anos antes! A resposta dos principais dirixentes sindicais foi moi desacertada. No canto de denunciar o obxectivo real do plan, anunciaron a «boa nova» cun entusiasmo digno de mellor causa. Pero o tempo pasaba, as prexubilacións non aparecían e o malestar entre os prexubilables crecía cada vez máis. A situación fíxose tan insostible, que os dirixentes sindicais acabaron esixíndolle á empresa aquela reconversión. Sería penoso que tal situación se repetise.

Retardar a idade de xubilación sempre é un retroceso. Pero isto non significa que o seu adianto sexa sempre un avance. Cando ese adianto é socialmente prexudicial, hai que pararse a reflexionar. Pódese entender humanamente que haxa traballadores individualistas, pero un traballador con conciencia de clase debe antepoñer sempre o ben colectivo. Isto significa que a reivindicación fundamental nestes momentos non pode ser as prexubilacións (e o que veña atrás, que arree), senón a carga de traballo (que non chega a pesar dos anuncios publicitarios do PP), dotar a Navantia de medios que garantan o futuro (dique axeitado para megabuques), modernizala tecnolóxicamente, acabar coa selva laboral nas compañías, defender tódolos dereitos conquistados durante décadas. E, se presentasen un plan, reivindicar que non se perdan máis empregos fixos e que primeiro ingresen os novos traballadores para que, durante un tempo, os que vaian saír lles transmitan os seus coñecementos. O contrario sería contribuír a cargarnos a empresa. Pero ó que si debemos contribuír é a botar do goberno ó PP, que leva catro anos causando un sufrimento inmenso. Baixo ningún concepto os traballadores debemos permitir que o PP nos utilice agora para dar imaxe de «xiro social». Entre outras razóns, porque o beneficio dese favor ó PP non sería tal: a continuidade do PP significaría catro anos máis de pesadelo, que tamén sufriría quen estivese na casa, tanto directamente (recortes) como indirectamente (paro, precariedade, baixos salarios dos fillos).

Hai días, Ainair reparteu bocadillos ós seus traballadores para que non perdesen tempo saíndo á rúa a comer. Isto non ocorreu nun taller perdido no monte, senón dentro das murallas de Navantia-Ferrol. Trae á memoria aqueles tempos cando os traballadores comían sentados polas rúas da nosa cidade, e por iso mesmo debería disparar tódalas alarmas e provocar unha profunda reflexión sobre o papel que están xogando os sindicatos de clase e cales deben ser as súas prioridades.