Avaliación do profesorado

ARACELI TORRES

FERROL CIUDAD

07 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste mes de xuño os campus das universidades cambian o seu aspecto. Os estudantes universitarios entran de cheo no período de exames e están a facer o último esforzo cara a obter os mellores resultados académicos para os que se veñen preparando ao longo do ano. Aínda que moitos quedan nas súas residencias son tamén moitos os que enchen as salas de estudo e as bibliotecas. Nestes tempos en que tanto oímos falar de rendemento de contas, tamén chega para o alumnado este momento.

O Plan Bolonia algo ten feito para que os estudantes non teñan que xogar toda a partida á última carta, pois o traballo feito durante o curso suma ao seu favor. Sería desexable que todo este esforzo non só servise para acadar bos resultados nos exames senón que fose garantía dunha boa formación que lles permitise acceder no futuro ao mercado laboral nas mellores condicións. Esa é a nosa responsabilidade como profesores e cómpre pois que tamén teñamos que render contas polo traballo realizado neste tempo.

Na Universidade da Coruña todo o alumnado matriculado en titulacións oficiais ten a capacidade de avaliar ao profesorado mediante unha plataforma facilmente accesible dende a páxina web. Esta avaliación desempeña unha función de control dos estudantes sobre a actividade académica desenvolvida polo profesorado e constitúe unha boa ferramenta para coñecer a súa valoración co fin de corrixir todos aqueles aspectos que poidan ser obxecto de mellora.

Esta acción de transparencia tamén debe ser coñecida polos estudantes preuniversitarios que estes días van pasar pola universidade para facer os exames de selectividade. A todos eles aconséllolles que se informen da forma máis precisa da oferta universitaria do noso Campus de Ferrol. Para iso poñemos o seu dispor o Servizo de Asesoramento e Atención ao Estudantado, onde recibirán unha completa información sobre os estudos que poden realizar, a súa empregabilidade e a ampla oferta de actividades deportivas e de extensión universitaria que poderían levar a cabo na nosa cidade, na que dispoñemos da única Residencia Universitaria Pública da Universidade da Coruña, ademais de contar cun programa de aloxamento interxeracional desenvolvido en colaboración co concello de Ferrol.