Jordi Évole en Ferrol

POR SIRO

FERROL CIUDAD

24 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O 22 de xaneiro de 2005 os medios de comunicación informaban da creación do Premio Couso de Liberdade de Prensa, unha iniciativa de Luis Mera, aprobada polo Club de Prensa de Ferrol, que invitou ao Colexio de Xornalistas de Galicia a facela tamén súa. Dende entón as dúas entidades convocan o premio para recordar ao xornalista ferrolán asasinado en Irak, e recoñecer o labor dos profesionais que contribúen a facer posible, mesmo con perigo das súas vidas, o dereito a informar, a mostrar o que ven; a defender, en definitiva, a liberdade de expresión. O premio non ten dotación económica, pero si un fermoso trofeo deseñado polo escultor Patinha, todo un símbolo, titulado «Ás ceibes».

Nesta undécima convocatoria os membros do Colexio de Xornalistas e do Club de Prensa de Ferrol decidimos, cos nosos votos, premiar a Jordi Évole, coñecidísimo xornalista catalán, conductor do programa «Salvados», na Sexta de TV, que o día 26 estará no teatro Jofre para recoller o galardón. O presidente do Colexio de Xornalistas, Lois Pereiro, comentou ao facermos público o nome do premiado, que a elección demostra o mal que están as cousas aquí, entre nós, para que os votos fosen a un profesional da información que traballa en España.

Si, as cousas da información están mal en España, e o cese dos directores de La Vanguardia, El Mundo e El País, nun período de dous meses, é boa proba. O Goberno, despois de moito facerse rogar, accedeu a botar unha man ás empresas propietarias dos tres xornais, seguindo o exemplo do Executivo alemán, que impuxo unha taxa a Google por reproducir as noticias dos xornais; e o 14 de febreiro aprobou o anteproxecto de reforma da Lei de Propiedade Intelectual, que o Congreso dos Deputados fixo realidade o 30 de otubro. O prezo foi a cabeza dos directores José Antich, Pedro J. Ramírez e Javier Moreno, que a vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría, cal nova Salomé, ofreceu a Rajoy en bandexa de prata.

Pero non nos enganemos. O Goberno español tivo a oportunidade de forzar ás empresas da comunicación a poñer na dirección outros profesionais menos agresivos, e fíxoo; pero en España, como en todo o mundo democrático, os Gobernos son criticabeis. O problema está en criticar a xestión dos grandes poderes económicos, propietarios, en moitos casois, dos medios de comunicación. Invítoos a ver en Internet o vídeo Una mosca en una botella de Coca Cola, dirixido por Javier Couso, irmán de José, e con guión de Pablo Iglesias, o líder de Podemos. Non é que eu me identifique con todo o que nel se di, pero a informacion que dá é veraz e a partir dela cadaquén poderá opinar con maior coñecemento sobre algo tan importante en democracia, como é a información.

E aquí cómpre falar de Jordi Évole e do seu programa Salvados, no que, hai tempo, ven denunciando a corrupción e os monopolios deste país. Aquel reporteiro descarado, que se presentaba escamisado e co pelo revolto nos despachos dos poderosos; que trataba a xente «de ti» e acosaba a políticos como Cotino para que explicase o que non tiña explicación posible; foi descubríndose a si mesmo, mellorándose en cada capítulo; pasando da versión actualizada daquel «reporter Tribulete, que en todas partes se mete», dun TBO da miña infancia, ao xornalista que no ano 2012 denunciou no capítulo titulado Oligopoly: el juego de la energía a corrupción eléctrica en España.

As eléctricas reaxiron e tentaron acabar con el e co programa; pero non puideron, porque Évole mostrou os niveis de audiencia e dixo: «Estes son os meus poderes». Si, Jordi Évole gañou a audiencia e, con ela, a súa liberdade de expresión para denunciar o acoso sexual sufrido por Zaida Cantera, capitán do Exército; ou entrevistar a un etarra arrepentido, sabendo que feriría sensibilidades nas víctimas do terrorismo e nos que aínda o defenden.

Non teño dúbida de que Jordi Évole merece o Premio Couso de Liberdade de Expresión e de que o seu prestixio internacional ha ser de gran axuda a cantos seguimos esixindo xustiza para o noso paisano.

siro@siroartista.com