Solidariedade e xustiza social

Araceli Torres

FERROL CIUDAD

12 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa teño falado nesta columna da gran importancia que lle concedo á relación da universidade co seu entorno máis próximo. De aí que sexa moi importante que a cidadanía nos coñeza e saiba o que facemos. Somos unha institución pública e como tal temos que render contas do traballo que estamos a realizar.

Aínda que tradicionalmente considerábanse como as nosas principais misións: ensinar, investigar e transferir o coñecemento, hai tempo que se engadiu a estas misións a responsabilidade social. Hai anos que a Universidade da Coruña asumiu ese compromiso desde a súa concepción de servizo público. Xa que logo como universidade socialmente comprometida, temos non só obxectivos académicos e científicos senón tamén sociais. É neste contexto no que quero sinalar unha serie de actividades que desenvolve no campus de Ferrol a Oficina de Cooperación e Voluntariado, accións que tentan achegar a nosa Universidade aos distintos sectores sociais.

Dende este servizo canalízase a participación en actividades solidarias e de compromiso social na procura da formación integral das persoas cara a construción dunha sociedade máis xusta, máis igualitaria e máis sostible. Así neste mes de abril as persoas interesadas, pertencentes ou non á comunidade universitaria, poderán asistir a un seminario sobre condutas aditivas e a súa prevención, impartido por expertos que traballan en distintas asociacións de loita contra a drogodependencia. Tamén o voluntariado ambiental terá o seu espazo dentro desta programación. O día 29 deste mes, en colaboración coa asociación ecoloxista Adega, realizarase unha xornada enmarcada no «Proxectos Ríos», unha iniciativa que promove a participación cidadá destinada ao coñecemento e conservación do noso valioso patrimonio fluvial.

Mais cando estou a escribir estas liñas nas que falo de solidariedade, xustiza e defensa dos dereitos fundamentais, non podo esquecer o vil atentado que acabou coa vida de 147 persoas na Universidade de Garissa, en Kenia. Por iso as miñas últimas palabras quero que sexan de condena para estes actos terroristas, de apoio e recordo para as vítimas e as súas familias e amigos e de defensa da convivencia pacífica e da liberdade.