O telón de Chamorro

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL CIUDAD

27 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Alguén da movida dos oitenta acuñou a frase de «Telón de grelos» para se referir ao terreo alén de Pedrafita e o Padornelo, ás terras onde a folla do nabo é incomestible, un xeito de sublimar unha fronteira sociocultural. Aquí, na Galicia, os nabos dan follas que son sucesivamente nabizas e grelos, e rematan en autodeterminación gastronómica, como debe ser toda evolución vital. Si somos o que comemos, os grelos son o punto verde que matizan de seguro o noso carácter idiosincrático. Digo eu. En Ferrolterra temos outra sólida fronteira, o «Telón de Chamorro». Para moitos adictos ao «ferroliño» Chamorro oculta ao observador magdaleniense -de Portas para dentro, xa me entenden os «toda la vida»- oculta digo, os soleados vales de San Cristóbal, Doniños, San Xurxo, Esmelle, Covas e San Pedro de Marmancón. Vales que desfrutan dunha prórroga cotiá de luz solar pola súa orientación oeste, explicativa, quizais, dunha tendencia a valerse por si mesmos, propia de terras illadas pola orografía e polo pecado orixinal de ter pertencido ao desaparecido Concello de Serantes, e padecedoras, dende aquela, dunha postergación nas atencións municipais, que ollos que non ven, obra que non fago. Por iso admira o labor teimudo que algunhas das súas asociacións veciñais levan adiante, con iniciativas dignas de aplauso e, as veces, de premios internacionais. As quince revistas e a Biblioteca de Columba en Covas/Cobas, as iniciativas de Esmelle, agradan e alentan porque amosan que cando as xentes queren, un mellor país é posible.