Víctor Aneiros: «Son unha persoa encantadora»

Bea Abelairas
bea abelairas FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Aneiros considera que en Ferrol hai moito talento musical
Aneiros considera que en Ferrol hai moito talento musical JOSÉ PARDO

Medrou en Canido, un barrio que pensa que perdeu o encanto da aldea

15 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Víctor Aneiros é músico, pero cada día engana á súa guitarra acudindo ao seu posto de funcionario. «É o meu sustento, pero non me gusta nada». O que o motiva é escribir e cantar cancións, algo que fai desde os 18 anos, non sen custo moral: «Ás veces penso que estou cavando unha foxa con isto». E conta que con 25 tivo unha crise que o forzou a se afastar das notas durante cinco anos. Voltou, non había outro camiño, porque a música está demasiado metida no seu ser. Cando era neno gustáballe perderse nos bares nos que cantaba a xente: «Iso perdeuse, eu agora vivo en Narón, pero cando regreso a Canido vexo que xan non é o mesmo e hai moitos venideros».

Con todo, presume de adn de Canido: «Os deste barrio somos especiais». Aínda que ten claro que aquela aldea da súa infancia xa non existe e para iso cita a Rilke: «A patria dun home está na súa infancia, así que sempre serei de Canido». No seu último disco hai un blues para este barrio, que se poderá escoitar nun concerto especial o próximo 26 de marzo no Pazo da Cultura. Os concertos, conta, son vitais para os artistas, porque é o único lugar no que poden vender discos. De Spotify recibe un ingreso de cando en vez a través da súa discográfica vasca, pero non concreta canto é. Pouco parece polo acenos que lle arrinca o asunto.

Internet e a música

«Mudou a maneira de escoitar a música: antes mercabas un disco e pasabas a tarde mirando os nomes dos músicos, escoitando as cancións por orde... Pero haberá que adaptarse, non se pode ir contra Internet», recoñece. Aínda que que ten claro que tampouco vai vender a súa vida no mercado das redes sociais.

O traballo que anda a presentar ten moito de revisión e inspírase nos versos de Ramiro Fonte, o poeta eumés que considera «un dos grandes, pero como é algo noso, pois non se considera tanto». Aneiros quere a entrevista en galego, se ben recorda que se educou en castelán. Comezou cantando en inglés, pasou ao español e, ao final, en galego atopou o ritmo.

Pero pensa que, comercialmente, non é o mellor camiño. «Cando te quedas no galego, tes menos oportunidades. É unha pena, en Ferrol hai moito talento musical, pero custa saír más alá da ponte das Pías e é unha pena que se perda todo este potencial en grupos que so fan tributos a clásicos e non desenvolen o talento propio».

En calquera caso, Víctor Aneiros está nunha etapa de sosego na súa vida. Nunca pensou residir no campo, e agora non podería deixar a casiña que alí ten: «Era moi urbano, cando ía ao campo asustábame; agora asústanme o ruídos dos coches», confesa.

A súa adaptación á natureza vai da man da súa superación de ambicións, que algunha vez lle fixeron ser máis impaciente, máis esixente coa vida. «Agora creo que cheguei a un punto, a unha idade, na que me vexo como unha persoa encantadora».