«Man ensinounos a poder vivir con moito menos do que temos»

A autora do libro sobre o alemán de Camelle lembra o gran respecto pola natureza que pregonaba o anacoreta


carballo / la voz

A profesora Beatriz Maceda Abeleira (A Coruña, 1963) publicou hai pouco máis dun ano un libro, ilustrado por Laura Veleiro, sobre a figura de Manfred Gnädinger, o alemán de Camelle. Man, como case todo o mundo o coñecía, residiu durante varias décadas neste pobo da Costa da Morte, vivindo por e para a natureza. Con motivo do Día mundial do libro infantil, quixemos lembrar a súa historia.

-¿Era Man tan especial?

-Era unha persoa que non pode ser esquecida. Unha das funcións da literatura é a de reivindicar e comprometerse. Moitos nenos de agora xa non coñecen a Man, e para iso fixen o libro.

-Ademais a vostede tocoulle de preto a traxedia do Prestige.

-Si, nesa época estaba dando clase en Corme. Sempre paraba en Ponteceso, xunto á casa de Pondal, para escoitar e ulir o mar ao lado do esteiro do Anllóns. E lémbrome que cando comezou a marea negra, xa non se escoitaba nin se oía o mar. Foi moi impactante.

-Chegou a coñecer a Man?

-Un amigo faloume del e fun a coñecelo. Nunca estivera en Camelle. Cando o coñecín non só me pareceu interesante como artista, senón que tamén ten moitos valores positivos para transmitir. Demostrou que se pode vivir con moito menos do que vivimos. E sobre todo, admíroo pola súa coherencia.

-¿Lembra os seus últimos días?

-Eu sigo sostendo que Man morreu por culpa do Prestige. Tiña problema respiratorios para os que se medicaba. Deixou de tomar a medicación, deixou de comer, encerrouse na súa cabana e ao pouco tempo morreu.

-¿Que tal foi a acollida do libro?

-Moi ben, xa vai pola segunda edición. Pero co que me quedo, sobre todo, é coas historias que me ocorreron. Non tiña experiencia en presentacións literarias e pasoume de todo. Na Feira do libro de Cee houbo un home que veu falar comigo e acabou chorando ao lembrar a Man . Viñeron a verme dúas mestras xubiladas que deron clase en Camelle, que o coñecían e tamén falaron del moi emocionadas.

-¿E que din os nenos de Man?

-O que máis lles chama a atención é que vivira cun taparrabos todo o ano. Preguntáronme varias veces: ?¿Pero pasaba todo o ano así? ¿E non ten frío?? Os nenos tomaban moita conciencia dos seus costumes. E contáronme historias bastante curiosas. Como Man nunca arrincaba as plantas, o sobriño dunha amiga viu un día á súa nai arrincar unhas herbas do xardín e enfadouse moitísimo con ela por non seguir o exemplo de Man.

-¿Que lle parece o estado no que se atopa a obra de Man?

-É unha mágoa. Nós de todas formas, dende a Fundación Man, á que pertenzo, estamos traballando para que a súa obra non quede esquecida. Tivemos unha reunión hai un mes e teño moita esperanza nunha serie de ideas que queremos sacar adiante.

beatriz maceda escritora e profesora

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

«Man ensinounos a poder vivir con moito menos do que temos»