Nestes días, Xosé Luis Méndez Ferrín é noticia pola súa renuncia á presidencia da Real Academia Galega. Dende a Fundación Eduardo Pondal queremos facer unha lembranza do seu paso polo Val Nativo.

Xosé Luis xa estivera entre nós o 19 de maio do ano 2000, no local da Asociación Monte Branco. Mais non estivera só. Acompañárono Herminio Barreiro, Xosé Fernández Ferreiro, Bernardino Graña, Ramón Lorenzo e Bautista Álvarez, é dicir, a meirande parte do colectivo Brais Pinto. Guiados polo tamén poeta Miguel Anxo Mato Fondo, visitaron a igrexa de Anllóns e a mar de Corme, subindo ao Monte Branco.

Doce anos despois, o día de San Andrés do 2012, Perceval -Xosé Luis- volta ao noso lar. Primeiro visita o instituto de Ponteceso, onde debulla, perante os alumnos de cuarto da ESO, algunhas das claves do poema Os pinos, letra do noso himno. A profesora de Lingua Galega deste centro, Emma Abella Cruz, preséntao: «Para min, Xosé Luis é, sobre todo, un referente ético». A continuación, cumprímoslle unha vella querencia súa: coñecer a casa natal do Bardo de Bergantiños. Grazas a amabilidade de Jaime Valdés, fíxose posible este soño. Carmiña, a alma mater da casa, exerceu de guía por todos os seus currunchos, contando multitude de anécdotas da familia Pondal/Valdés.

Xosé Luis paseou a súa ollada polo inmenso mural confeccionado por Isidro Parga Pondal e polo propio Jaime Valdés, esculcando os topónimos pondalianos que alí aparecen. Paseou polos xardíns, admirou a «cancela da Bouza», a palmeira plantada polo poeta e, sobre todo, a panorámica do Monte Branco e do esteiro do Anllóns. Coma bo bibliófilo, apreciou os andeis con obras decimonónicas e, así mesmo, analizou unha figuriña portuguesa dun santo, de feitura barroca. Ao saír, conmovido, deunos as grazas por esta visita.

Xa na Fundación Eduardo Pondal, percorre as instalacións da mesma, subliñando o esforzo que hai detrás destas paredes: «Eu aprecio o traballo desinteresado que fan pola cultura nosa os Varela [José María e Xosé Manuel] do Couto e, por iso, vouvos alí de balde», comentara xa no seu despacho da Real Academia Galega cando o convidaramos a compartir unha xornada no Outono Pondaliano. Ante un público xeral, en boa medida composto por docentes, Xosé Luis fixo unha comparanza entre os trobadores galegos e os portugueses para, a continuación, poñer en valor ao Padre Sarmiento como auténtico precursor da literatura galega contemporánea.

A presentación deste clarificador relatorio correu a cargo do profesor de Lingua Galega do instituto pontecesán, Xabier Rodo Varela: «A tese central do labor filolóxico de Méndez Ferrín é a de considerar que a literatura galega segue unha evolución propia e non dependente da española, como se consideraba ata ese momento».

Si, aquela fora unha tarde especial. Agardemos que Xosé Luis continúe a seguir tecéndonos historias artúricas, palillando versos con pólvora e magnolias e, especialmente, que cabalgue de novo Perceval por estas terras de Forxán e de Gondomil.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Perceval no nativo val