«Son unha muller de aldea capaz de facer cousas coma calquera»

J.?m. Sande MUROS / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Regala o seu libro «Alma, corazón e vida» aos seus veciños de Muros para axudalos a superar as dificultades da vida

28 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Chámanlle María Chico, en Esteiro dinlle a Choqueira, pero en Tal sempre a coñeceron como a filla de Avelina. Alguén lle dixo un día que era moi ocorrente, que tiña moita arte para facer poesía, que a súa vida fora un exemplo a seguir, que atesouraba unha morea de experiencias que debía dar a coñecer, que sería bo que a xente de hoxe se mirara nela, pois pese a pasar por unha chea de dificultades, nunca desfaleceu, tirou para diante e acadou unha xubilación repleta de boas vivencias.

-¿Cando se decidiu a escribir?

-Eu non son unha literata. Non sei escribir ben, case non me mandaron á escola. Con doce anos xa ía a traballar para axudar na casa, e nunca puiden volver á escola. Teño lido moito e pensei que eu tamén era quen de escribir cousas bonitas. Por iso fixen un primeiro libro de poesía, e tamén de consellos útiles para unha ama de casa, e agora decidinme a contar un pouco da miña vida, cando xa o solpor asoma á miña existencia. Polo medio do libro semento algún dos meus poemas que a min máis me gustan. Non pretendo nada co libro Alma, corazón e vida. Estou a regalar exemplares desta obra á xente amiga, ou a quen me ten axudado. Só me gustaría que servise para axudar aos que se atopan en dificultades, pois se un ten forza e ganas de superarse, nada impedirá que prospere.

-¿Que lembra da súa infancia na parroquia de Tal?

-Acórdome de todo. Do felices que eramos, sen ter nada. Eu por non ter non tiven nin pai, pero tiven unha infancia moi feliz. Xogabamos con calquera cousa, gozábamos co pouco que había. Pero a xente víase feliz. Agora hai de todo, pero a xente non ri. Están rodeados de cousas, pero espidos por dentro. Antes, descalzos, cantabamos e hoxe choramos se non temos uns zapatos de marca.

-Nas súas poesías fala das bondades do traballo, ¿que significou para vostede?

-A saúde, a familia e o traballo son os tres elementos esenciais dunha persoa. Eu traballei sempre, e fíxeno con agrado. Aínda hoxe, con 76 anos, son incapaz de estar queda. Traballei nun aserradeiro, esmagando morrillo na estrada, nunha fábrica de conservas, e cultivei a terra. Logo casei, e dediqueime de cheo a criar os fillos. Cando estes se valeron por eles, púxenme a vender máquinas polas portas. Agora, unha cadeira tenme medio paralítica, pero aínda teño folgos para, cando menos, soñar con facer cousas, e mesmo escribir.

-¿Que tipo de poesía abonda no seu libro?

-Nas miñas obras falo do cotiá. Do que coñezo, sinto e me gusta. Falo da familia, da terra onde nacín e onde vivo, do traballo, da xente que me arrodea, dos que en min deixaron unha pegada imborrable, das miñas vivencias.

-¿Como lle gusta que a lembren os que a coñecen?

-Eu son unha muller da aldea capaz de facer cousas coma calquera. Non son nada especial. Coma min calquera pode acadar a felicidade da que eu gocei ao longo da miña vida. Nada me foi doado. Todo o tiven que acadar co suor do esforzo. Non cheguei a ser rica, pero tampouco mo propuxen. Eu sempre quixen sentirme ben co que facía a cotío, e estouno a acadar cada día. Non aspiro a máis nada. Só quixera animar a cantos lean este libro para que non desfalezan, para que loiten, pois se difícil é agora a vida, a miña tivo moitas dificultades.

María chico poetisa