Do Gallus gallus trincadensis

X. A. Ochoa

FERROL CIUDAD

03 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai cousas que caen polo peso de seu. Nestas alturas non queda inocente que vaia crer na existencia dun galo mariñeiro. Teriamos un descubrimento científico mundial. Neste caso a denominación científica sería Gallus gallus trincadensis. O de trincadensis é polisémico: refírese ou a que ultimamente o bicho fai vida no Trincado de Ferrol e non hai quen teña o que hai que ter para trincalo, ou ás ganas tolas de algún atravesado de a bordo de trinchalo dunha vez. Na extensísima mitoloxía mariña ninguén mencionou animal coma ese porque non acae pensar nun galo sen curral, sen galiñas; nun galo trastornando os rituais mariñeiros e, por mais, hai que ser moito capón para burlar o impulso de mariños intrépidos sen dificultade intelectual para imaxinalo cocido, asado ou guisado e provistos entre outras armas ad hoc, de facas, coitelos ou machados. Inda concorre outra pexa maior: preséntano como natural de San Xiao de Mos, por Castro de Rei, onde de coñecementos de navegación deben andar xustiños. Aparte deso como se pode pensar que un galo libre, e presumido, fachendoso, como aparenta, se confine voluntariamente nun barco sen cadea, cabo, estacha, driza ou escota que o amarre?, e que pasee pola cuberta talmente coma un almirante, cague na regala, suba e baixe polo aparello e cante desaforadamente no bauprés sen esperala mañá? Nunca se describiu este fenómeno. Imposible. Inda por mais: parece que polas noites amotínase e mantén aos tripulantes a raia e, ollo, non se atreven nin a achegárenselle, por non vaia ser. Tampouco é que os armadores do Trincado de Ferrol se sintan coma aqueles celtas que non comían destas aves e só os querían para a pelexa. Non parecen deses: poden notárense celtas pero, téñoo por seguro, paparán destas aves cando faga falta porque non se lles ve outra fasquía que non sexa a duns elegantes bon vivant.

Entón: qué fai en Carril, a bordo do Trincado, solto, sen saír del, este magnífico galo? Pois, señores, créanme: é Porviso en substancia de galo de Mos. Váiano ver. É ocasión única porque toleou: quere, por favor, que o retraten, que quede memoria del, ser famoso, saír nos papeis e que o leven á televisión. O que faga falta. Será un xarampón. Agora: ollo coas rapazas fermosas que é quen de meterse a bordo e saír coma un lóstrego en substancia de capitán. Irresistible, claro