O Memorial Chony de Pesca Submarina decidirá o domingo o nome do campión do Circuito Galego

La Voz VILAGARCÍA/LA VOZ.

FERROL CIUDAD

15 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Club Raspa e o Liceo Casino de Vilagarcía presentaron onte no salón de actos da entidade social a edición 2010 do Memorial Chony de Pesca Submarina. Unha actividade na que colaboran coma coorganizadores, e que se desenvolverá nunha única xornada de competición este domingo en augas do Grove.

Acompañado polo presidente e polo comodoro do Liceo Casino, Alfonso Saavedra e Silverio Bouzas, o primeiro directivo do Raspa, Agustín Díaz, foi o encargado de explicar os pormenores da cita deportiva.

Os 40 competidores inscritos no Memorial partirán o domingo ás oito da mañá do Club de Mar do Liceo Casino, no peirao de pasaxeiros da capital arousá, con destino á zona de capturas delimitada entre Punta Barcelos e Punta Raeiros, en San Vicente do Grove. Só no improbable caso de que o tempo dese un brusco cambio de timón e impedise a práctica submarinista, os responsables do Memorial desviarían o campo de pesca, substituíndo Punta Raeiros pola zona de Meloxo, con Punta Barcelos continuando coma referencia.

Cunha previsión meteorolóxica excelente para a práctica da pesca submarina, a organización fixou unha única saída ao mar e cinco horas de competición. Desde as dez da mañá ás tres da tarde. A pesaxe faráse de principio entre as cinco e as seis da tarde nunha carpa anexa ao Club de Mar, cedida polo Concello de Vilagarcía, colaborador do evento.

As dúas bazas do Raspa

O Memorial Chony cobra especial relevancia dada a súa condición de cuarta e última proba do Circuito Galego de Pesca Submarina. Xunto co seu título en si, o Circuito é decisivo para todos aqueles que desexen participar no Campionato Galego da especialidade, ao que acudirán os 23 mellores na clasificación definitiva das catro probas que o domingo rematarán na capital arousá.

Despois da disputa dos torneos da Coruña, de Ferrol e de Vigo, o Circuito Galego de Pesca Submarina chega a Vilagarcía co título moi aberto. Os principais aspirantes a levarse o gato á auga son Andrés Pita, do Club San Amaro da Coruña, e dous integrantes do Raspa. Antonio Linares e Ricardo González. O primeiro, vixente campión do Circuito, e o segundo, defensor do título autonómico.

Ademais de Linares e de González, participarán na proba do domingo outros catro deportistas do club organizador.

Ao termo da pesaxe procederáse á entrega de trofeos. Entre eles, o correspondente ao submarinista con maior número de capturas e ao que pesque a peza maior. Este último recibirá o recoñecemento de gañador do Memorial Chony.

O peixe traído a terra polos participantes da cita vilagarciá será doado a dúas entidades benéficas da localidade, o Club de Leones e o asilo.

O presidente do Liceo Casino, Alfonso Saavedra, salientou na presentación o carácter de símbolo que para a súa sociedade ten o Memorial Chony, mentres que o seu homólogo na Raspa, Agustín Díaz, quixo agradecerlle ao Liceo Casino a súa contribución á organización coa disposición das súas instalacións.