«Quedan tres parellas de arao, a situación é desesperada»

FERROL CIUDAD

SANDRA ALONSO

O naturalista descrebe a perda de especies pola alteración dos ecosistemas galegos, louva o canto do tordo e o cortexo dunha parella de verderolos ao que un día asistiu

06 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O arao é o pingüíno galego, un excelente mergullador que só pisa terra para criar. Nen sequera fai niño, sube na primavera a un cantil inaccesible, pon un único ovo que incuba entre o ventre e as patas, e cando o polo non ten 22 días os pais reclámano desde o mar. É chamada poderosa. Aínda coas plumas a medio formar, a cría salta no aire, intenta planear, abre as ás a xeito de paracaídas e entra torpe no mar. Alí rematará o seu crecemento (en augas Galicia, no resto de España non existe). Agustín Alcalde estuda ao arao desde 1986. Empezou coas formigas cando tiña tres anos, seguiu coas gaivotas de Vilaxoán («os bichos máis grandes que vin despois das galiñas da veciña»), e xa de mozo entrou na Sociedade Galega de Historia Natural, fundada en 1973 para o estudo, a divulgación e a defensa do medio natural galego. -Xente rara, eh? -Si, ata o dicimos nós, somos rara avis. Danos por aí. -Polas aves. -Son as máis vistosas, ademais de excelentes bioindicadores das alteracións do ecosistema. -¿Como vai a súa favorita? -Moi mal. No 86 había 25 parellas, e hoxe quedan dúas ou tres no cabo Vilán. Este mes saberémolo con máis precisión [é época de cría], pero a situación do arao xa é desesperada, desaparece. -¿Por que? -Por varias causas: as mareas negras, as limpezas de sentinas, que non teñen tanto eco mediático coma as grandes catástrofes, pero son permanentes e seguen sen control, a diminución dos bancos de peixes, e os trasmallos e as artes á deriva, nos que moitos exemplares quedaron enmallados. -¿Hai máis en perigo? -A anduriña común, polo uso masivo dos pesticidas no campo; e a gaivota tridáctila. -¿Cal foi o seu mellor avistamento? -O ornitólogo sempre quere aumentar a súa lista de especies observadas e se son raras mellor, pero eu a experiencia máis agradable que recordo foi con unha especie moi común, o verderol, na Illa da Arousa: era unha parella, estaban tan enfrascados no cortexo que eu estaba a dous metros e nin se enteraron. Tiven a fortuna de ver durante quince minutos largos todo o proceso do cortexo e a cópula que o culmina. -¿E como é? -Como unha pequena danza. O macho dá voltas arredor da femia, ela bate as ás tremorosamente, vai movéndose canda el e de vez en cando o macho achégase para méterlle no peteiro pequenas sementes a xeito de ofrenda. Unha sorte velo. -¿Das raras cal veu? -A última foi un xuvenil macho de collalba desértica. É norteafricana e apareceu nas dunas do esteiro do Anllóns, un error de navegación importante, ho, ho. -¿Hai un paxaro galego por excelencia? -O carrizo. -¿O máis difícil de ver? -Todas as papuxas. Non por tímidas, senón porque andan metidas nos matorrais e as escoitas pero non as vés. -¿O canto máis bonito? -Din quen o do reiseñor, pero eu destacaría o do tordo galego, que ten un rexistro moi atractivo. Xa o leva no nome, Turdus fhilomenus, «amante da música». -¿Pórtase ben o paisano? -Algo mellor, pero non destaca polo seu respecto exquisito á natureza. Hai unha persecución secular aos anfibios e os reptís, e unha manía infundada ás aves de rapiña nocturnas. Un paisano que mata a unha coruxa ou a un moucho está botando pedras no seu tellado: son as mellores raticidas que existen.